Navia Franco.
A cámara de seguridade recolleu a agresión dun home de 21 anos a unha menor ecuatoriana nos Ferrocarrís da Generalitat. O tipo chegou ao vagón falando con alguén a través do teléfono móbil e, mentres o tren non chegaba á súa estación, dedicoulle á rapaza insultos racistas e bateu nela pola súa condición de inmigrante.
Pouco máis de un minuto dura a gravación do sucedido. Vacinados como estamos fronte á inxustiza, xa non distinguimos a violencia virtual da real, tal lle debeu pasar ao pasaxeiro que aparece en primeiro plano da gravación, quen ficou impasible diante da agresión que estaba a presenciar en directo.
Ben se ve que o terceiro pasaxeiro chega mesmo a mirar directamente para a parella formada pola agredida e polo agresor sen despegar o seu corpo do asento nin facer o menor aceno de desaprobación ou desgusto. Simplemente está alí, coma os paneis explicativos ou as ventás do vagón: ocupando un espazo, sen máis.
O incidente violento quedou así: a vítima adolescente sente terror, a partir do acontecido, cada vez que sae á rúa. Pola súa banda, o agresor contaba con antecedentes e, despois de pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade con cargos, acusado dun delito de agresión a unha menor de idade.
¿E o viaxeiro que permaneceu alleo ao suceso, non morre de vergoña? Tanto o agresor coma quen consentiu a agresión son bos exemplos do que non é cidadanía. Velaquí temos un vídeo para que os escolares tomen nota do que non pode ser.
24/10/2007