AGN.
O profesor de Ciencias Políticas da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, imparte hoxe martes en Pontevedra a conferencia A globalización capitalista: paraíso fiscal a partir das 19.30 horas na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova.
Taibo exporá que a globalización capitalista aspira a crear unha especie de paraíso fiscal de escala planetaria, de forma que os capitais se poidan mover ao longo do globo sen trabas, ao tempo que se deixa un lado a responsabilidade social e ecolóxica.
Previamente, ás 17 horas, o director do Diario de Pontevedra, Antón Galocha, moderará a mesa-debate Informar, alarmar, concienciar: a que xogan os medios, na que participarán o director do suplemento Altermundo de Galicia Hoxe, Manoel Santos; a responsable da Revista Pueblos, Aloia Álvarez, e Carlos Martínez, de rebelion.org.
Ambas actividades forman parte do simposio internacional Pobre mundo rico, organizado polo Club Internacional de Prensa.
Cinema contra a pobreza en Ourense
Na xornada de hoxe, Ourense acollerá novas proxeccións do ciclo Cinema contra a pobreza, tamén no marco do simposio. As curtametraxes Patmos e Clandestino encherán a pantalla do Salón de Actos do Centro de Desenvolvemento de Caixanova en Ourense, a partir das 20 horas, xunto co capítulo Un mundo desigual da serie documental Voces contra a globalización.
Mañá mércores 24 de outubro, a cidade das Burgas acollerá as conferencias de Mariano Aguirre, director da área de Paz, Seguridade e Dereitos Humanos de FRIDE (Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior) e de Robert Mathews, investigador asociado da mesma institución.
Baixo o título Crise de Estado, pobreza e violencia, Aguirre abordará a influencia da pobreza na falla de equilibrio social. Narcotráfico e pobreza en América Latina será o tema de Robert Matthews, que exporá datos sobre o gasto en programas internacionais de control de drogas e a súa utilidade.
23/10/2007