AGN.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) terá durante os próximos catro anos unha presidencia rotatoria. PSdeG e BNG repartiranse a cadeira de presidente dous anos cada un, mentres que o PPdeG, que se negou a entrar neste modelo proposto por socialistas e nacionalistas, vai ocupar a vicepresidencia primeira.
O BNG matiza que segue aberta a oferta ao PPdeG de ocupar a presidencia durante ano e medio, instaurando un modelo rotatorio no que entren os tres partidos, pero os populares xa rexeitaron esta fórmula por considerar que merma a operatividade da Fegamp. Pese a todo, aínda que o PPdeG non vai entrar neste modelo, asegura que non o rexeitará, e non se opón a que a presidencia rote entre socialistas e nacionalistas.
Os voceiros dos tres grupos parlamentarios mantiveron unha reunión na que aproximaron posturas para presentar unha lista única á nova Executiva da Fegamp, que conta con 17 membros e se ratificará nunha asemblea o vindeiro 22 de novembrol
Crespo fai balance
Con este cambio de poder na Federación de Municipios, Xosé Crespo abandonará a cadeira da presidencia, que ocupou nos últimos catro anos. O alcalde de Lalín, que afronta o seu último mes no organismo, considera que nestes período o consenso foi a máxima de funcionamento da Fegamp.
Crespo destaca logros conseguidos pola Federación, como o Pacto Local, pese a que tamén denuncia incumprimentos, como os que atribúe á Xunta no Plan de Reequilibrio Territorial e na Lei de Medids Urxentes de Protección do Litoral. Ao seu xuízo, nestes proxectos o Goberno galego "non escoitou aos concellos".
Respecto ao Pacto Local, rexedor dezano advirte ao seu sucesor de que profundizar nel ten que ser unha das prioridades para os vindeiros anos, para que en 2009 se estea en condicións de asinar un novo acordo. Opina que outra materia pendente é unha segunda fase de descentralización, pese a que a Xunta "non cede en soltar competencias".
O rexedor do Deza marca como outro dos grandes logros da Fegamp a sentenza xudicial que obriga aos parques eólicos a cotizar como bens inmobles de características especiais, o que triplica os ingresos dos concellos por esta vía.
23/10/2007