Xeración /Axencias (Santiago).
España facendo cada vez máis difícil a súa relación coa natureza, aumentando os seus niveis de contaminación de xeito progresivo. Os resultados do primeiro informe A pegada ecolóxica en España, elaborado por primeira vez polo Ministerio de Medio Ambiente, revela que este nivel medrou un 34% dende 1995.
Madrid é a comunidade que máis contamina, superando en 20 veces o nivel axeitado. Ceuta e Melilla superan á capital española, con 41,9 e 38,7 veces máis do aconsellable. O secretario xeral para o Territorio e a Biodiversidade, Antonio Serrano definiu os valores das cidades autónomas como "absolutamente desmesurados".
Cidades máis grandes, máis contaminación
Os peores índices rexístranos aquelas zonas sometidas a máis actividades urbanísticas. Despois de Madrid, Canarias consume e contamina 10 veces máis do que é capaz de soportar e a Comunidade Valenciana, 7. Galicia atópase entre as que posúen un índice máis reducido, aínda que contamina 1,5 veces máis do que debería. Só as rexións que teñen un valor por debaixo do 1 reflicten un desenvolvemento sostible e son as menos poboadas: Estremadura, con 0,8 e Castela e León, con 0,7.
Durante a última década, período no que se levan realizando estas medicións, só Cantabria, Asturias e A Rioxa diminuíron a diferencia entre o que poden consumir e contaminar e o que realmente fan, mentres que o resto de comunidades a aumentaron.
Indicador de carácter global
A pegada ecolóxica comezou a calcularse a finais dos anos 90, e é un indicador de carácter global que fixa a superficie (en hectáreas) precisa para producir os recursos empregados e para asimilar os residuos producidos por unha poboación determinada.
Este indicador en España no ano 2005 era de 6,4, o que significa que cada español precisa 6,4 hectáreas para que produza todo o que consume e a natureza poida asimilar toda a contaminación que xera.
A nivel mundial, EEUU, Europa, India e China consumen e contaminan máis do 200% do que deberían, mentres que Xapón supera o 560%. Xuntos empregan o 75% da biocapacidade da Terra e cando unha área sobrepasa a súa capacidade, o que fai é importar recursos doutras. As emisións de CO2 asociadas ó consumo enerxético é a principal responsable desta situación.
Coas políticas emprendidas nesta lexislatura en España, segundo Serrano, o escenario previsible en 2020 é similar ó actual, mentres que unha redución só se conseguiría mudando a cultura de consumo.
23/10/2007