Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Xosé Crespo, presidente da Fegamp

''A Democracia é unha curva sinusoide, tanto estás enriba como vas ao carallo''


Etiquetas: Fegamp, PPdeG, Crespo

L.G./S.R. AGN.

O consenso foi, a xuízo de Xosé Crespo a máxima de funcionamiento da Federación Galega de Municipios e Provincias durante os últimos catro años. O alcalde de Lalín afronta o seu último mes como presidente da Fegamp, tralo que quere volver pór sobre a mesa a proposta da fusión de municipios.

PREGUNTA: Foi polémico o seu desexo da fusión de concellos. ¿Pensa retomar o tema unha vez que deixe a Fegamp a final de mes?

RESPOSTA: Agora vou retomar moitas cousas que tiven aparcadas para que non dixeran aquilo de que "este predica baixo o paraugas da Fegamp". A Universidade de Santiago realizou un estudo exclusivamente técnico que demostraba que a fusión de municipios era recomendable e que sería un elemento fundamental para acabar co inframunicipalismo. Eu tiña o tema como 'hobby', porque son municipalista.

Hoxe, algún concello xa case é un xeriátrico e nós propúñamos a fusión de varios en un. O que pasa é que ese tema 'escocíalle' a moitos alcaldes, sobre todo do PP, pero tamén a outros. Agora volverei a falar coa universidade e gustaríame que opinaran as tres, porque hai cousas de comer coas que non se debe xogar.

P: ¿É un tema que corre présa?

R: O tema da modernización local tería que xurdir o antes posible xa que a Administración local está bastante atomizada. As cidades e concellos grandes non teñen problemas, pero os municipios pequenos si, porque non poden dar os mesmos servizos. Isto non o van arranxar nin as deputacións nin as áreas metropolitanas, solucionaríase se varios concellos se xuntaran e fixeran un só, se non de dereito, si de feito.

P: ¿E o papel das mancomunidades?

R: Se funcionaran, son boas. O problema é que a realidade demostra que as mancomunidades funcionan mal, porque un concello que non traballe axeitadamente bloquea aos outros. E ao final, uns por outros a casa sen barrer. Funcionarían se dependeran dun único mando, o problema é que hai moitos mandos. En Galicia, se en lugar de 315 concellos houbera 50, arranxaríanse moitos problemas.

Encarar outra etapa
P
: Nesta nova etapa política, ¿agárdao algún novo cargo dentro do PPdeG?

R: Dentro do partido son o secretario de organización, e xa me chega.

P: ¿E de cara á campaña electoral? As xerais están á volta da esquina.

R: Eu na campaña teño un cargo, son director dunha área. Estou na cúpula da dirección do partido, suponse.

P: ¿Suponse?

R: É que non tiña moito tempo para o partido, para nada. O concello, a deputación e a Fegamp non me deixaban tempo. De feito, algunha semana ocupoume máis tempo a Federación que o concello. Agora non van inventar un cargo novo no partido para min, porque xa teño un cargo importante. Terei tempo para exercelo e aí estarei.

P: ¿Vese o mundo de xeito diferente desde a oposición e desde o Goberno?

R: O mundo vese exactamente igual, outra cousa é que nun lado as cousas son máis fáciles e noutro, máis complicadas. Pero a democracia é unha curva sinusoide e tanto estás enriba como te vas ao carallo. Hoxe estás na oposición e mañá no Goberno. E eu penso que é bo. É bo para a democracia e para nós, porque se ven as cousas de distinta maneira. Por exemplo, ao BNG veulle estupendamente estar no Goberno. Polo menos saben que unha cousa é predicar e outra é dar trigo.

A peaxe do Deza
P
: As protestas pola peaxe da autopista Santiago-Lalín están de plena actualidade. ¿Cre que o PP fixo unha mala xestión ou que o actual Executivo non está actuando axeitadamente?

R: O Goberno actual non se pode escudar en que esa é unha concesión que data da época na que gobernaba o PP. Tamén o era a circunvalación de Logroño e Campomanes-León e a unha metéronlle a supresión e a outra, unha redución. Por tanto, ese é un argumento peregrino, non vale.

P: E por onde pasa a solución?

R: O que ten que facer a Xunta é buscar sistemas que rebaixen o custo. A autopista foi concedida como autopista Santiago-Ourense e non ten sentido que unha metade pague unha peaxe altísima e a outra, nada. A proposta do PP era prorratear esa peaxe e que o que vai a Ourense pague os 4,80 euros e o de Lalín a metade. Agora, xa que se empeñan que o de Ourense sexa gratis, pedimos a gratuidade para Lalín. Son 45 kilómetros dos máis caros de España e cambiar a situación é cuestión de vontade política e non vale escudarse en quen fixo a concesión. Se o PP estivese gobernando, pediríamos a gratuidade igual.

23/10/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Xosé Crespo, presidente da Fegamp (Foto: Ferrín. AGN)
Xosé Crespo, presidente da Fegamp (Foto: Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso