Enzo Rossi, propietario dunha fábrica italiana, subiulle o soldo ós seus empregados en 200 euros. A decisión tomouna logo dunha mala experiencia na que intentou vivir cunha mensualidade e non conseguiu pasar do día vinte.
Xeración (Santiago).
Predicar co exemplo é o que decidiu facer Enzo Rossi, un empresario italiano que quixo sobrevivir un mes co soldo que lles pagaba ós seus empregados. E da experiencia saíu escaldado: non conseguiu pasar do día 20.
Rossi, director da fábrica de pasta La Campofilone, asignouse mil euros mensuais para si e outros mil para a súa muller, que tamén traballa na empresa. Aínda así, recoñeceu, estes dous mil euros de ingresos eran superiores ós que ingresan algunhas das familias dos seus empregados.
Unha vez pagadas as facturas do gas, da auga, o seguro do coche e tendo coidado co gasto diario, o empresario asegura que non conseguiu chegar ó día 20 do mes. "Isto significa que nun ano enteiro estaría sen cartos durante 120 días; isto non é só pobreza, é tamén desesperación", afirmou Rossi, segundo cita o xornal italiano La Repubblica.
Sumerxido e sen osíxeno
Para explicar como se sentiu ó non ter diñeiro recurriu a unha ilustrativa metáfora. "Sentinme coma cando un se sumerxe no mar a vinte metros de profundidade e descubre que a bombona de osíxeno se esgotou".
Unha vez na superficie e parafraseando a Robin Hood, Rossi considerou que "é xusto tomar máis dos ricos para darllo ós pobres" e subiulle o soldo ós seus empregados en 200 euros netos. Asegurou que era o mínimo que podía facer.
"O custo da vida subiu en 150 euros ó mes, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Para os que son coma min non é nada, pero para os traballadores son case dous mil euros menos ó ano e iso significa con pagar as averías no coche ou non mercarlle o ordenador ó fillo", explicou Rossi.
Frear a volta ó XIX
O empresario italiano di que decidiu facer a proba porque a sociedade está a retroceder cara o século XIX, "cando se dicía que os porcos nacían sen pernas porque o xamón debía ser para os señores".
E engade que nos últimos anos a fábrica xerou uns beneficios que deben desfrutar non só el e a súa familia, senón tamén os traballadores da fábrica e ata os agricultores que lle suministran a materia prima.
22/10/2007