Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).
Un total de 21 concellos beneficiaranse dos 9,2 millóns de euros que a Xunta e o Estado central investirán en Galicia en servizos sociais. O ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana asinaron un acordo polo que fan efectivo este investimento, do que o Goberno galego aportará 5,7 millóns e o Executivo estatal outros 3,5 millóns.
Trátase do investimento correspondente a este ano dunha partida total de máis de 60 millóns de euros ata 2009. Segundo anunciou Caldera, en xaneiro ambas administracións asinarán outro convenio por un investimento de case 52 millóns de euros para 2008 e 2009. Neste caso, o Ministerio aportará 39 millóns, mentres que a Xunta porá os 12,5 millóns de euros restantes.
Despois da firma, Quintana manifestou que "hai motivos para a satisfacción" porque constitúe "o primeiro paso para o pagamento dunha débeda histórica" en materia de servizos sociais con Galicia, de xeito que se poida paliar as deficiencias que existen en equipamentos e infraestruturas.
Servizos Sociais
De feito, segundo o vicepresidente da Xunta, con esta partida inicial vánse poñer en marcha máis de 30 centros de día, que suporán a creación de máis de 1.000 novas prazas, algo que cualificou de "moi importante" na construción do sistema galego de benestar.
Por iso, 3,5 millóns de euros desta partida irán destinados ó Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para a construción, reforma, acondicionamento e equipamento dos centros de día que xestiona.
O ministro de Traballo asegurou despois da firma do acordo, que o seu departamento quere traballar conxuntamente coa Xunta para colocar a Galicia "en igualdade de condicións co resto do territorio", xa que a súa situación de partida era peor. Coincidiu con Quintana en que "traballar pola cohesión social e a universalización dos dereitos dos dependentes é o máis fermoso que pode facer un gobernante democrático".
Provincias do interior
Do total de 21 concellos beneficiados coa construción de novos centros de día, a maior parte corresponden a provincias do interior de Galicia, Ourense e Lugo. En concreto, realizáranse obras en 11 municipios da primeira e outros 6 da segunda. Tamén haberá obras en tres localidades da Coruña e unha de Pontevedra.
O concello que leva a partida máis cuantiosa é o de Muíños (Ourense), 480.000 euros para a construción da primeira fase dun centro de día e miniresidencia. Pero ademais terán cantidades superiores a 300.000 euros lugares como os concellos de Pontedeume (A Coruña); Cospeito e Folgoso do Courel (Lugo); e Pantón, A Bola, Parada do Sil e Vilar de Barrio (Ourense).
As subvencións para este ano céntranse en obras de reforma, ou finalización de centros de día, así como o seu equipamento ou acondicionamento, aparte da construción.
22/10/2007