Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Sentenza xudicial

Santiago mobilízase a favor dos veciños de O Eixo


Etiquetas: BNG, PSdeG, PPdeG, Santiago, sucesos

AGN (Santiago).

Máis de 2.000 persoas reclamaron en Santiago o indulto para os tres veciños da parroquia compostelá de O Eixo que en 1998, segundo unha sentenza xudicial, agrediron a un axente da Policía Nacional durante unha manifestación na que reclamaban un incremento na seguridade vial na zona.

A manifestación partiu da Alameda compostelá pouco antes da unha da tarde, e despois de percorrer diversas rúas da capital galega, rematou na Praza da Quintana. Na mesma participaron os tres veciños implicados no proceso xudicial, sen antecedentes penais e que terán que cumprir sete anos de prisión.

Ó final do acto, os tres veciños, José Moreira, Jesús Montoiro e Simón Márquez, volveron insistir en que son inocentes, e reiteraron o seu agradecemento tanto ós cidadáns que acudiron á marcha, como ós distintos partidos políticos e organizacións que solicitaron de novo o seu indulto, co que se quere evitar que entren en prisión o vindeiro 31 de outubro.

Apoio do Pleno

En concreto, o Pleno do Concello de Santiago reclamou, cos votos a favor de PSdeG e BNG, a abstención do PP, que o Consello de Ministros indulte ós tres veciños, pese a que o Goberno central xa rexeitou esta opción o pasado 20 de abril. A petición de indulto tamén foi apoiada pola CIG e pola federación de asociacións de veciños de Santiago, e incluso chegáronse a recabar máis de 12.000 firmas no seu apoio.

Á marcha tamén acudiu o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, quen pediu ó Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero "que recapacite" e conceda o indulto ós veciños, unha vez comprobada que a marcha de apoio foi "importante" e que os veciños condenados carecían de antecedentes penais.

No transcurso da marcha, os manifestantes amosaron multitude de pancartas en apoio dos veciños e corearon consignas a favor do indulto. Ó final do acto, o escritor santiagués Suso de Toro leu un manifesto a favor dos veciños, no que lembrou a secuencia dos feitos e a importancia de que a manifestación non fose convocada por un grupo organizado, senón "polo común da xente".

Dez anos antes
Os tres veciños condenados foron xulgados por uns feitos que aconteceron nunhas protestas en defensa da seguridade vial dos veciños en xullo de 1998, nas que participaran de xeito masivo os habitantes desta parroquia compostelá. A concentración que deu lugar a esta sentenza foi precedida dunha carga policial, despois de que os veciños chegasen a cortar a N-525 (Santiago-Ourense), na que se produciran diversos atropelos mortais.

Pola súa parte, o policía ferido durante as protestas, Luis Gómez, quedou incapacitado (segundo o informe médico presentado durante o xuízo) para exercer outra profesión. Os acusados xa tiveron que facer fronte a unha multa de 156.000 euros, satisfeita en parte polas aportacións dos veciños.

A sentenza que os condena a sete anos de prisión data de 2003 e, agora, case unha década despois do suceso, os veciños deben cumprir condena, ó verse rexeitada a petición de indulto.

21/10/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Centos de persoas percorreron as rúas de Santiago en apoio ós veciños (Foto: Otto. AGN)
Centos de persoas percorreron as rúas de Santiago en apoio ós veciños (Foto: Otto. AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso