Axencias.
“Opoñerse a todo e a todos con espírito de loita e de sá violencia para converter esta sociedade gris e burguesa nun triunfo de color”. Así reivindicaba o novo grupo “FTM Azione Futurista 2007” o acto vandálico co que tinxiron de vermello a auga da Fontana de Trevi de Roma, inmortalizada pola "Dolce Vita" de Federico Fellini.
No mesmo folleto no que se atribuían a autoría, exaltan “unha concepción violenta da vida e da historia, e o desprezo dos aduladores do poder e os escravos do mercado global.” Asimesmo, din pretender render homenaxe ó movemento futurista nado en París en 1909 e ás súas posicións de vangarda. Ataca tamén a Festa do Cine de Roma, inaugurada o xoves. “Para vos, unha alfombra vermella, para nos, unha cidade enteira de vermello”.
Malia que a sustancia inundou todo o monumento e as tuberías do circuíto pechado, crese que non producirá danos a este complexo de mármore construído en 1762.
19/10/2007