Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Novas tecnoloxías

As farmacias galegas terán dispensación electrónica de medicamentos en 2008


Etiquetas: saúde, Administración, e-Administración, Sergas

Jacobo Rey. AGN (Santiago).

A Consellería de Sanidade iniciará a dispensación electrónica de medicamentos nas farmacias galegas en fase de probas durante o primeiro trimestre de 2008, co obxectivo de estender este proceso ás 1.230 oficinas existentes en Galicia antes de que remate o ano, segundo anunciou a titular do departamento autonómico, María José Rubio Vidal.

Durante a firma do protocolo de actuación nos catro colexios farmacéuticos de Galicia, Rubio cualificou este feito como "un paso cara a modernidade" da sanidade galega, xa que suporá "un cambio no modelo de relacións" entre os distintos axentes do sistema sanitario, así como unha serie de melloras tanto para os pacientes como para os profesionais da sanidade pública galega.

Así, a conselleira explicou que a aplicación da 'E-receita' nas farmacias permitirá que o paciente poida obter o seu medicamento sen necesidade de que presente a receita tradicional. De feito, só será preciso que o cliente acuda á botica coa súa correspondente tarxeta sanitaria, xa que cada oficina poderá acceder á historia clínica do paciente e comprobar os fármacos que lle foron prescritos para o seu tratamento.

Máis tempo para as consultas
En canto á repercusión sobre o traballo dos profesionais sanitario, Rubio Vidal avanzou que o aforro de tempo na elaboración de receitas e en trámites burocráticos traducirase nun "incremento de tempo de consulta dos médicos para adicalo a labores estritas de diagnóstico e tratamento". En concreto, elevou a un 30% o tempo que adica un profesional "a tarefas burocráticas de facer receitas".

Finalmente, os farmacéuticos tamén se beneficiarán deste novo sistema na medida en que contarán cun método "áxil e seguro" de coñecer o tipo de medicamento que se lle receitou ó paciente. Do mesmo xeito, outorgará facilidades ó persoal das farmacias á hora de coñecer o fármaco prescrito, debido "ó difícil que é ler a letra de facultativo" recoñeceu a conselleira.

Ademais, a posta en marcha deste sistema nas farmacias galegas únese ó funcionamento da receita electrónica, creada xa en 2006 e da cal se dispensaron en Galicia no que vai de ano máis de 8,47 millóns de unidades. En conxunto, Sanidade investirá un total de 150 millóns de euros en catro anos para a execución da plataforma tecnolóxica incluída no proxecto 'Rede-Saúde', necesaria para empregar novos mecanismos como a historia clínica ou a receita electrónica.

Redes internas seguras
Na mesma liña da conselleira, a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Rosa Lendoiro, recoñeceu que a implantación deste novo sistema de dispensación do medicamento esixirá "un importante esforzo" de dotación tecnolóxica por parte das boticas galegas, así como un incremento no número de recursos humanos, económicos e de información.

Sobre isto, Lendoiro explicou que outras comunidades autónomas xa puxeron en marcha sistemas electrónicos similares, aínda que o de Galicia será "o máis robusto" de tódolos que funcionarán dentro do Sistema Nacional de Saúde. "Será un auténtico fito na aplicación das novas tecnoloxías", augurou, despois de detallar que cada farmacia farase cargo do custe de adaptación ó novo sistema, pese a que hoxe en día "non hai oficinas de farmacia en Galicia sen informatizar".

De feito, a presidenta dos farmacéuticos da Coruña insistiu en que os principais investimentos centraranse en dotar ás oficinas "de redes internas seguras", a modo de "barreiras informáticas", que protexan os datos dos pacientes incluídos en cada historia clínica.

19/10/2007

5'0 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O novo sistema permitirá aforrar tempo á hora de dispensar medicamentos (Foto: AGN)
O novo sistema permitirá aforrar tempo á hora de dispensar medicamentos (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso