Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Contas para 2008

Os Orzamentos invisten 1.160 euros por cada habitante


Etiquetas: I+D+i, dependencia, Xunta, orzamentos

AGN (Santiago).

O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, o socialista José Ramón Fernández Antonio, destacou que o investimento por habitante prevista nos Orzamentos para o ano 2008 situase nos 1.160 euros (3.165 millóns de euros en total). "Esta cifra está cinco puntos por riba da media das comunidades autónomas", asegurou.

Fernández Antonio considera clave a política de contención do gasto público e o incremento do aforro desenvolvida polo bipartito dende a súa chegada a San Caetano no ano 2005, "o que permite financiar o conxunto dos investimentos planificados de cara ó 2008".

Despois de entregar o proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para o ano 2008 á presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o conselleiro de Economía presentou as contas ós medios de comunicación. "Galicia medra de xeito sólido e equilibrado, grazas ó cumprimento claro dos obxectivo que nos marcamos en anos anteriores", dixo.

Declaración "de libro"
O representante do Executivo galego cualificou dunha "mera declaración de libro da oposición" as dúbidas do PPdeG en torno ó crecemento previsto polo bipartito para o vindeiro ano. Confirmou ademais que o "impulso ó investimento produtivo para mellorar a competitividade da economía galega e o reforzamento das políticas sociais" son os dous grandes eixos dos Orzamentos.

Con respecto ó primeiro dos eixos, a sociedade do coñecemento, a mellora das infraestruturas, o fomento dun novo modelo de transporte público e o desenvolvemento do reequilibrio territorial serán as principais prioridades de gasto.

No referente ás políticas sociais, os grandes obxectivos son as melloras ó usuario do sistema público de saúde, a atención ás persoas dependentes, o acceso á vivenda e a promoción dun emprego estable e de calidade. "Melloraremos a calidade dos servizos públicos", afirmou Fernández Antonio.

2.000 millóns para persoal
O proxecto de lei dos orzamentons para 2008 en Galicia recolle uns gastos de persoal de 1.985 millóns de euros para o conxunto da Administración, incluíndo altos cargos, persoal de confianza, funcionarios e incentivos ao rendemento.

Desta cantidade, 11,5 millóns destinaranse a pagar as nóminas dos altos cargos e delegados da Xunta. Outros 8,5 millóns investiranse no persoal eventual para todas as Consellerías. A partida máis importante, superior aos 1.500 millóns de euros é necesaria para os gastos do funcionariado que depende de San Caetano.

O proxecto orzamentario presuposta entre os gastos en bens correntes e servizos, 22,5 millóns en concepto de alugueiro de instalacións e pago de distintos cánones, 16 millóns en reparacións, mantemento e conservación. Outros 380 millóns de euros na adquisición de material e diversos subministros.

Auxe do I+D+i
O conselleiro de Economía referiuse tamén ás importantes partidas destinadas ó aprendizaxe de linguas estranxeiras, o auxe do I+D+i e a posta a disposición das empresas de novo solo industrial. "Temos que terminar coa situación de pescozo de botella para a chegada de compañías", apuntou o dirixente socialista.

Por outra parte, referiuse á importancia que terá a nova figura das axencias públicas galegas, "que axudarán na xestión dos obxectivos e no control dos resultados, gañaremos en eficacia e eficiencia".

Crecemento do 4%
O conselleiro de Economía prevé que a comunidade autónoma peche o presente ano cun crecemento económico do 4% e considerou viable a creación de 32.400 novos postos de traballo ó longo de 2008.

Os gastos non financeiros previstos nos Orzamentos medran un 7,3%, ata os 10.960 millóns de euros, e o investimento real alcanza os citados 3.165 millóns. O aforro para financiar este investimento aumenta un 11,3%, ata os 2.032 millóns, e a débeda cae ata o 6,1% do PIB, fronte ó 7,35% do ano 2005.

"Estamos ante uns Orzamentos que medran lixeiramente por riba do PIB nominal, para impulsar a actividade económica e xerar recursos que consoliden unha sociedade avanzada e melloren o benestar dos cidadáns galegos", concluíu Fernández Antonio. 

19/10/2007

5'0 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Fernández Antonio entregou unha copia dos orzamentos á presidenta do Parlamento (Foto: Otto.AGN)
Fernández Antonio entregou unha copia dos orzamentos á presidenta do Parlamento (Foto: Otto.AGN)

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso