Xeración /AGN (Santiago).
A aprobación do anteproxecto de lei dos Orzamentos para 2008 presentaron un incremento nos investimentos que xeraron diversas reacción entre os tres grupos políticos galegos.
"Obrigados a improvisar"
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, lamentou que o Proxecto de Lei de Orzamentos "obriguen" á comunidade a "improvisar" o vindeiro ano, ó estar baseado en expectativas de crecemento do PIB "totalmente irreais".
O dirixente 'popular' amosouse sorprendido ante o feito de que as contas se baseen "nunha estimación de crecemento do 3,5%" xa que ó seu xuízo, "é un incremento no que non cre ningún organismo internacional, nacional ou autonómico".
Rueda considera que o Goberno galego optou "por buscar titulares" en lugar de pensar nuns orzamentos "reais, útiles para a xente, e que melloren a situación da Sanidade, a Educación ou as Infraestruturas". Engadiu que o PP realizará unha análise "a fondo" do groso das contas públicas despois desta primeira valoración do "documento triunfalista" presentado polo titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Cumprimento de compromisos
O portavoz do Grupo do BNG no Parlamento galego, Carlos Aymerich, asegurou que os orzamentos da Xunta "dan cumprimento ós compromisos adquiridos no pacto de Goberno" porque "teñen en conta unha conxunción económica diferente á que existía cando se elaboraban os orzamentos de 2007".
En liñas xerais, os nacionalistas valoran o feito de que os Orzamentos inclúan por primeira vez unha dotación específica para "incrementar as pensións non contributivas".
Aymerich destacou tamén o incremento do 10% na cantidade destinada a I+D+i, que permitirán impulsar a Rede Galega de Servizos Sociais e permiten "dar un pulo importante" en vivenda protexida e na dotación de solo industrial.
"Beneficio para tódolos cidadáns"
O portavoz do grupo socialista no Parlamento de Galicia, Ismael Rego, manifestou esta tarde que o anteproxecto de Lei de Orzamentos para 2008, presentado por Emilio Pérez Touriño, demostran "a solvencia e a solidez do modelo político e económico" posto en marcha pola actual Xunta.
Para Rego, "os Orzamentos avalan que este é o Goberno do cambio, sen ningún tipo de dúbida, que acadou para Galicia unha economía máis sólida e forte e claros avances sociais". O portavoz socialista cre que as contas da comunidade para o vindeiro exercicio "sitúannos por riba do resto das autonomías".
O representante dos socialistas galegos engade que "a aposta polo fortalecemento do gasto produtivo chega acompañada dun progreso social evidente, do que se benefician tódolos cidadáns".
18/10/2007