Datos de interés

  • Venres 12.03.2010

Visto bo do Consello da Xunta

Os orzamentos presumen de 'superávit social'


Etiquetas: orzamentos, Xunta, dependencia, Touriño

Xeración /AGN (Santiago).

A Xunta aprobou o anteproxecto de lei dos orzamentos autonómicos para 2008 sen grandes novidades en canto ós eixos dos investimentos: as contas céntranse en tres ámbitos prioritarios como a sanidade, a educación e as políticas sociais, en particular a atención á dependencia.

As novidades atópanse nas cifras, cun incremento do 7,3% nos orzamentos, ata alcanzar os 11.556 millóns de euros (756 millóns de euros máis que no anterior exercicio). O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou tamén que é a primeira ocasión na que non se recorre ó endebedamento e que teñen como obxectivo "consolidar o crecemento económico de Galicia", coa previsión dun 3,5% a finais de ano, para convertelo en "superávit social".

Os orzamentos seguen dúas liñas estratéxicas, por unha parte o gasto produtivo, incidindo en aspectos como as infraestruturas e a cohesión territorial. No outro lado atópase o "progreso social", coas políticas de vivenda ou o emprego. Deste xeito, de cada 100 euros que a Xunta vai gastar o vindeiro ano, 57 serán para políticas sociais e 43 para gasto produtivo.

Pensións, dependencia e vivenda
O ámbito social é o protagonista estrela destes orzamentos, onde quedan reflectidas as diversas medidas anunciadas pola Xunta nas últimas semanas. Aquí inclúese a creación do complemento autonómico para as pensións non contributivas de xubilación e invalidez, anunciado no Debate sobre o Estado da Autonomía. Conta cun fondo inicial de 5 millóns de euros.

Outra das propostas de Vicepresidencia, a Lei de Dependencia, é o apartado que máis medra nos orzamentos, achegándose ós 514 millóns de euros. Deste xeito preténdense cubrir unha rede galega de servizos sociais que atenderá a 16.500 grandes dependentes.

A vivenda foi tamén un dos temas protagonista nas últimas semanas, coa presentación de diversas propostas para conseguir facilitar o acceso a unha vivenda digna. A Xunta destinará a este apartado un total de 242 millóns de euros, case un 20% máis que este ano. As prioridades sociais da Xunta para 2008 complétanse coas políticas de emprego e seguridade laboral, para o que se incrementa o investimento un 14%, ata os 379 millóns de euros.

I+D+i consegue un 10% máis
Semella que as necesidades dos investigadores e a continua saída de 'cerebros' galegos cara o exterior xurdiu efecto na elaboración destes investimentos: o I+D+i percibirá 131 millóns de euros, un 10% máis que en 2007.

A sanidade acapara a terceira parte do orzamento, 3.639 millóns de euros, un 7,4% máis que o presente exercicio, que se centrará sobre todo en mellorar a atención primaria, e os Plans de atención á muller e bucodental. A educación tamén percibe un importante incremento, dun 7%, co fin de avanzar no multilingüismo e ampliar os servizos escolares.

Infraestruturas
Este apartado é xa un clásico dentro dos orzamentos de calquer Executivo e que no caso do galego tamén percibe un incremento substancial, con 480 millóns de euros. A construción das principais autovías que se atopan en obras na comunidade son as destinatarias de boa parte dos cartos, aínda que o número de sinistros nas estradas fan que a seguridade vial sexa outro dos eixos básicos neste apartado.

Para potenciar esta seguridade, o transporte público recibe un impulso por parte da Xunta, con 72 millóns de euros. Entre os servizos beneficiados atópase o Noitebús (destinado para favorecer o desprazamento dos mozos en horario nocturno), ou o incremento de 70 rutas no rural a través do servizo Tes+Bus. O incremento da partida é de case o 90%, debido a que o punto de partida "era mínimo", segundo explicou o presidente da Xunta.

O anteproxecto entrará mañá no Parlamento para a súa tramitación, debate e aprobación.

18/10/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso