AGN (Santiago).
O 25% dos nenos asmáticos galegos non contan cun seguemento axeitado da evolución da súa doenza, un factor determinante nas crises que padecen e que derivan nunha elevada taxa de ausencias a clase. En concreto, sete de cada dez menores afectados por esta enfermidade en Galicia faltan a clase en máis dunha ocasión durante o curso académico por este motivo.
Nunha das conclusión recollidas no Estudo SANE que avaliou a máis de 4.000 nenos de toda España e consultado a 1.000 médicos. A mostra seleccionada na comunidade, 275 menores, permite ó doutor Antonio Parra, especialistas do Hospital Juan Canalejo da Coruña, apuntar que un 10% dos nenos galegos padecen asma.
O factor familiar
Un 32% destes menores adoitan precisar alomenos catro visitas anuais ó especialista para tratar a súa enfermidade e evitar as crises continuadas, unha práctica non demasiado estendida. "Estamos acostumados a que só se midan os factores médicos e non se aprecie esa calidade de vida do menor e os seus pais", sostén Parra.
Este experto tamén apunta a relevancia do entorno no que convive o enfermo de asma. "Máis do 32% dos nenos asmáticos teñen pais fumadores", asegura. E alerta de que a presenza do fume no ambiente que respira o menor incrementa a probabilidade de desenvolver asma.
Un 10% de menores asmáticos
O número de casos rexistrados na comunidade non é superior ó de outras comunidades autónomas, pese a que as características específicas desta doenza no territorio galego están determinadas pola elevada humidade do ambiente. "Galicia é o paraíso dos ácaros do po xa que cunha humidade de entre o 80% e o 90% estes organismos atópanse nun entorno ideal", asegura Parra.
E, sen embargo, Galicia pode ser un destino idílico para un neno de Castela e León ó que a súa asma se agrave en función das concentracións de po rexistradas. Fronte ás altas taxas desta substancia da comunidade veciña, o territorio galego non destaca especialmente neste aspecto.
18/10/2007