Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Comparecencias

'Fallos de memoria' na Comisión de Investigación do Gaiás


Etiquetas: Cidade da Cultura, Parlamento, PPdeG, PSdeG, BNG

Laura Grandal. AGN.

Alfredo Díaz Grande, arquitecto coordinador do concurso Cidade da Cultura e marido da deputada popular Pilar Rojo, compareceu esta mañá na Comisión de Investigación do Gaiás. Díaz Grande eludiu responder a varias preguntas expostas polos deputados xustificándose na súa "falta de memoria".

Tras relatar o curriculum dos participantes no xurado e algúns concursantes, Díaz Grande sostivo que foi un bo concurso e asegurou non ter "máis memoria para entrar noutros debates", alegando que "hai oito anos diso".

O arquitecto non quixo entrar a valorar o feito de que a súa muller, Pilar Rojo, fose delegada de Cultura en Pontevedra no momento da súa designación para o proxecto, nin falou sobre a súa amizade con Mariano Rajoy. Sinalou que "son un profesional liberal e supoño que comparezo aquí nesa condición".

A desmemoria de Díaz Grande
Asegurou que a súa colaboración coa Xunta foi tal porque non existía "ningunha incompatibilidade" e invitou aos deputados a ver a documentación porque alí estaba a resposta ás súas preguntas. Evitaba así dar unha resposta ás preguntas reiteradas de socialistas e nacionalistas, relacionadas co que cobrou por realizar este labor ou os motivos polos que foi seleccionado.

O deputado do BNG, Carlos Aymerich, asegurou pola súa banda que non existen documentos respecto destas dúas cuestións, e denunciou que as funcións de Díaz Grande eran tamén políticas. Aymerich foi moi crítico coa "fallla de memoria" de Díaz Grande ao reprocharlle "que supoño que a desememoria non lle chegará a tanto como para non lembrar se está casado con Pilar Rojo"

O deputado nacionalista cargou contra Díaz Grande ao sinalar que "penso que Mariano Rajoy tampouco estará contento de que esqueza que son amigos (...). E supoño que a desmemoria non lle impedirá dicirnos canto cobrou vostede polo seu traballo".

Dúbidas sobre a elección de Eisenman
Díaz Grande defendeu a liberdade e integridade dos integrantes do xurado do concurso, a pesar de que Aymerich considera que "había unha decisión do presidente" para que se instalase o complexo no Monte Gaiás. O deputado socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, sementou tamén certas dúbidas sobre a elección do proxecto presentado por Peter Eisenman, ao sinalar que existía unha corrente que defendía "outro proxecto" e ao preguntar polas actas e o proceso do xurado.

Se en algo incidiron nacionalistas e socialistas é no feito de que existen documentos de 1998 -cando o deseño da Cidade da Cultura se iniciou en 1999- nos que Díaz Grande se dirixía á Xunta para abordar cuestións relacionadas o proxecto do Gaiás. Aymerich criticou tamén que na memoria se diga que "os arquitectos teñen liberdade absoluta de deseño" fóra dos condicionantes propios do fin. Neste punto, sinalou, non se establece ningún condicionante económico, o que considera que pode ser a "semente da deriva cos orzamentos".

O PP, un discurso paralelo
O Partido Popular protagonizou na Comisión un discurso paralelo. Lonxe de expor preguntas ao comparecente, o deputado Ignacio López Chaves criticou que os nacionalistas "o cuestionen todo e os socialistas nada". Defendeu o proxecto da Cidade da Cultura e incidiu en que "imos pedir a comparecencia do xefe de servizo do librio" actual e o anterior para que explique se actualmente os libros comprados a Xesús Alonso Montero están no Consello Superior Bibliográfico.

Queren obter información sobre os contratos e actas de depósito tras o reproche de Aymerich, nunha sesión anterior da comisión, na que aludía a que nada se sabía destes documentos. Nesta liña, López Chaves, sinalou que "se os libros desapareceron haberá que denunciar ao fiscal".

Por outra banda, o deputado do PPdeG critica que na actualidade as obras da Cidade da Cultura "estean paralizadas", algo que ao seu xuízo é unha actitude irresponsable, pois "se as obras se atrasan a consencuencia que van ter é pagar máis polo mesmo". Felicitou a Díaz Grande por ser o "autor intelectual do proxecto, como din ou PSOE e ou BNG". Respecto aos criterios para a selección do arquitecto, López Chaves sacou da manga un documento que, asegurou, é un contrato asinado polo conselleiro de Industria, Fernando Branco, co seu irmán.

18/10/2007

5'0 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Vista do complexo do Gaiás (Foto: AGN)
Vista do complexo do Gaiás (Foto: AGN)
Díaz Grande, na súa comparecencia ante a comisión de investigación (Foto: AGN)
Díaz Grande, na súa comparecencia ante a comisión de investigación (Foto: AGN)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso