Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Baloncesto

Un xigante en Lugo


Etiquetas: baloncesto, Lugo

M.P./M.R. L-V.

O teito do baloncesto español está en Galicia. Saad Kaiche, de 22 anos, mide 2,29 metros e pertence ao Breogán de Lugo. Este alxeriano, que chegou hai pouco á capital lucense, sufriu xa numerosos problemas motivados pola súa descomunal altura.

Kaiche calza un 59 e só ten un par de zapatillas para adestrar. Devin Davis, compañeiro no Breogán, foi o primeiro en botarlle unha man chamando a un amigo dos EE UU que lle conseguira un calzado do seu talle. Pero non foi o único. Paco García, o adestrador, non dubidou en contactar con Roberto Dueñas, xa retirado e que fora o teito do baloncesto español, para que lle prestase algunha roupa. Así, non é difícil ver a Saad adestrar con xerseis do Barcelona, equipo no que militara o pivote internacional durante anos.

Aos seus problemas coa altura, Kaiche tivo que afrontar tamén os atrancos do idioma. Chegado de Alxeria grazas a Lavodrama (ex do Clesa Ferrol), este pivote africano aprende paseniñamente castelán e busca a aclimatación a un equipo no que, ao principio, adestraba con medo de mancar os compañeiros.

Os seus cóbados quédanlle á altura da cara á maioría. No entanto, non perde a ilusión de debutar, algo que aínda non puido facer debido á súa condición de extracomunitario. No filial non pode por estranxeiro, e no Breogán ocuparía unha das valiosas prazas reservadas aos foráneos.

Tres centímetros máis que Yao Ming

Yao Ming é actualmente o xogador máis alto da NBA. O pivote chinés mide 2,26 metros, tres menos que Saad Kaiche, e pertence aos Houston Rockets.

George Muresan foi o baloncestista máis alto que disputou a liga profesional  estadounidense. Con 2,32, este romanés destacou máis polo seu tamaño que pola súa calidade, algo moi diferente ao que ocorreu con outros mitos deste deporte.

Manute Bol, con 2,31, converteuse nun dos xogadores máis carismáticos da NBA xunto con xente como Chris Mullin, Tim Hardaway e Mitch Richmond, ex compañeiros del nos Golden State Warriors e que non dubidaron en axudalo cando, logo dun grave accidente que o tivo preto da morte, non tiña cartos para pagar a atención sanitaria.

Bradley (2,29), Mark Eaton (2,24), Tatchenko (2,20) e Sabonis (2,20) ou o español Pau Gasol (2,15) son outros dos xigantes con máis calidade que deu o baloncesto nos últimos anos. En España, o xogador máis alto da historia foi Roberto Dueñas (2,21). Logo deste madrileño situáronse outras torres como Miguel Tarín, dos anos 80, e que medía 2,17. En Galicia, ademais, houbo outro pivote que se podería incluír entre estes xigantes. O holandés Serge Zwikker medía 2,21 metros e xogou no Breogán, aínda que nunca chegou a triunfar no conxunto da capital lucense.

18/10/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Saad Kaiche, de 22 anos, mide 2,29 metros (Foto: fundacionbreogan.com)
Saad Kaiche, de 22 anos, mide 2,29 metros (Foto: fundacionbreogan.com)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso