AGN.
O metaneiro 'Cádiz Knutsen' atópase xa amarrado na regasificadora de Mugardos. O buque entrou na Ría de Ferrol coa preamar da tarde e co son dunha cazolada de protesta. O seu primeiro intento, previsto para a primeira hora do día, viuse frustrado pola intensa néboa que obrigou a pechar a Ría ao tráfico marítimo.
O Cádiz Knutsen, propiedade de Unión Fenosa Gas, transportaba ata a Regasificadora uns 138.000 metros cúbicos de Gas Natural Licuado (GNL).
A planta de Mugardos recibiu o seu noveno gaseiro no medio dunha cazolada no peirao das Curuxeiras. A protesta, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, reuniu no peirao ferrolán a máis dun cento de persoas. Con pitada e tamborrada manifestáronse contra o que consideran "a entrada ilegal de gaseiros na Ría".
''Dificultades de navegabilidade''
Dende a plataforma cidadá continúan a denunciar a "ilegalidade da ubicación da regasificadora". O voceiro do Comité, Manuel Rodríguez Carballeira, retou ás Administracións a que garantan que a gaseira cumpre coa distancia mínima á poboación e coas condicións para a saída ao mar dos barcos en caso de emerxencia. O Comité asegura que estas garantías non están claras, polo que reclaman que non se lle conceda á empresa a autorización definitiva de posta en funcionamento.
Carballeira destacou ademais que o aprazamento da entrada do gaseiro pola néboa da mañá "vennos a dar a razón de que a ría de Ferrol ten unhas condicións singulares e tamén dificultades á hora da navegabilidade".
O voceiro do Comité criticou ademais á regasificadora porque a semana pasada doou á Autoridade Portuaria de Ferrol un avanzado sistema de GPS. Carballeira manifestou que "cando se presentou dicíase que os barcos poderían entrar mesmo de noite e con néboa polo que iso é unha nova mentira, mentiras que repite Reganosa dende o ano 2000 para enganar á sociedade coa idea da seguridade".
17/10/2007