Navia Franco.
A alerta chega dos Estados Unidos en forma de pintabeizos. En España, a Federación de Consumidores en Acción (FACUA) faise eco dun informe elaborado por unha plataforma cidadá estadounidense e ponos sobre aviso da posible presenza de chumbo en varias das marcas máis coñecidas de cosmética.
O traballo explica que o contido de chumbo nos pintabeizos pode ter graves efectos secundarios, entre eles: trastornos na memoria e na linguaxe, diminución do coeficiente intelectual e mesmo provocar condutas agresivas.
En fin, o pintabeizos pódese converter nunha verdadeira arma -no sentido máis literal- de beleza e, como bala cosmética, adquirir unha dobre e perigosa traxectoria, producindo un traslado de chumbo desde a barra á usuaria e desta a outro ou outra, vía bico envelenado.
Como ocorreu con moitos usuarios co caso recente dun brote de botulismo, no que determinada firma puxo en circulación un produto infantil de consumo alimentario en mal estado, imaxino eu que unha chea de mulleres buscou na lista negra de cosméticos da FACUA a marca que usa habitualmente.
Somos vítimas do mercado e do consumo, pezas pequenas manexadas pola irresponsabilidade empresarial dalgunhas firmas que seguen teimando en facer caixa sen ningún tipo de escrúpulos ou saltando os controis pertinentes.
Co achado do pintabeizos sospeitoso no interior do bolso moitas puidemos explicarnos esa abstemia outonal que nos produce certa desmemoria e atonía, pero aínda nos queda por comprender por que nos deixamos manexar como bonecas, e ata cando.
17/10/2007