Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Cine do país

Dúas curtas de animación galegas optan ao Goya


Etiquetas: curtas, audiovisual, cine

Anxa Correa. AGN.

A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España seleccionou dúas pezas galegas como candidatas ao Goya á Mellor Curta Española de Animación, segundo publica na súa web. Trátase de O bufón e a infanta, de Dygra Films, e A flor máis grande do mundo, de Continental.

Tras coñecer as candidaturas, Dygra emitiu un comunicado para expresar a "satisfacción do equipo pola nominación" á película dirixida por Juan Galiñanes, que xa obtivo un premio do Concello de Cádiz e foi seleccionada para as seccións oficiais de festivais como Animadrid, Animacor, Sitges, Alcine ou a Semana Internacional de Cine Fantástico de Málaga.

Un Velázquez que cobra vida...
O bufón e a infanta presenta unha estética innovadora inspirada na pintura barroca de Velázquez para abordar o tema das falsas aparencias e os prexuízos que levan ao engano.

"Gañemos ou non, estamos convencidos de que a curta dará moito que falar e non só en España", declarou Manolo Gómez, produtor e director dos estudos coruñeses de animación. O bufón e a infanta iniciará o seu percorrido internacional o vindeiro ano, avalado xa pola nominación da Academia do Cine.

O director da curta, Juan Galiñanes, aproveitou a ocasión para indicar que as curtas serven como vía experimental para explorar técnicas diferentes que se poidan aplicar despois ás longametraxes e para descubrir novos valores no equipo.

...e un Nobel que narra unha flor
A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry, narra coa voz do Nobel de Literatura José Saramago un conto dirixido non só a un público infantil senón tamén aos adultos, no que predomina a idea do respecto á natureza.

Producida por Continental e co financiada con 20.000 euros pola Consellería de Cultura, a curtametraxe está protagonizada por un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide explorar o mundo existente a cinco minutos da súa casa. Na súa viaxe atopará unha flor murcha, á que decidirá axudar para que volva coller azos.

O director da multipremiada Minotauromaquia abordou o traballo con plastilina combinada con ilustracións, realizadas por Diego Mallo, e conta coa composición musical de Emilio Aragón.

Outras candidaturas
Xunto a A flor máis grande do mundo e O bufón e a infanta, competirán ao Goya á mellor curta de animación as producións Atención al cliente, de Marcos Valin e David Alonso; Perpetuum mobile, de Raquel García-Ajofrin Virtus e Enrique García Rodríguez, e Tadeo Jones y el sótano maldito, de Enrique Gato.

16/10/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

'A flor máis grande do mundo' conta coa colaboración de Saramago (Foto: culturagalega.org)
'A flor máis grande do mundo' conta coa colaboración de Saramago (Foto: culturagalega.org)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso