Xeración.
O noveno gaseiro con destino a Reganosa non puido entrar na Ría de Ferrol por causa da néboa. O buque 'Cádiz Knutsen' tiña prevista a súa chegada á planta regasificadora de Mugardos coincidindo coa preamar diurna das 8:15 horas. Segundo informou o Comité Cidadán de Emerxencia, non puido acceder á Ría "ao facerse imposible a navegación na mesma por estar pechada de néboa".
O Comité interpreta esta circunstancia como unha proba máis das dificultades que presenta a estreita Ría de Ferrol para a entrada dos buques cargados de gas natural licuado (GNL). A plataforma cidadá considera que isto "denuncia o engano que pretende Reganosa cando nos di que con modernos GPS pódese entrar e saír da Ría sen problemas".
A organización reitera unha vez máis a "singularidade da Ría de Ferrol e a ameaza que supón para a poboación a ubicación da planta no interior da Ría e a entrada de gaseiros". O metaneiro tentará entrar de novo entre as 19 e as 20 horas, cando se producirá unha nova preamar.
Cazolada de protesta
Coincidindo coa chegada do gaseiro esta mesma mañá, estaba convocada unha cazolada de protesta no Porto de Ferrol e perante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia na Praza de España.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convocante do protesta, reiteraba unha vez máis con esta mobilización que "unha vez máis se está a poñer en perigo as nosas vidasa riqueza da nosa ría e os seus postos de traballo, polo inadecuado asentamento dunha Planta incapaz de cumplir os condicionados legais de seguridade".
O buque metaneiro Cádiz Knutsen, propiedade de Unión Fenosa Gas ten capacidade para transportar 138.000 metros cúbicos de gas natural licuado.
16/10/2007