Datos de interés

  • Xoves 24.07.2008

Discriminación

''Non nos queren en ningún sitio, é como se fosemos cans con sarna''


Etiquetas: igualdade, integración

Águeda Piñeiro. D.P..

A polémica sobre o realoxamento das familias xitanas da barriada de O Vao avívase. Todo comezou cando na aldea de Vilarchán se soubo que unha das familias que quedarán sen fogar naquel barrio de Poio se trasladarían a unha casa na aldea.

Os veciños decidiron mercar a casa entre todos, aínda a costa de hipotecarse, para impedir que os desaloxados accedesen a un fogar. En Vilarchán xustifican a súa acción dicindo que o problema da droga é unha realidade estendida entre os habitantes de O Vao. Mentres, a noticia da compra da casa polos veciños sentoulle moi mal á familia xitana que quere mercar o inmoble.

Jaime Jiménez Jiménez, un dos seus integrantes, sinalou que atoparan a casa hai unha semana a través dunha inmobiliaria, e que o trato estaba xa pechado coa axencia e a copropietaria. Jiménez afirma que aínda non tiña pagado ningún sinal, en contra do que lles dixera o dono da casa ós veciños.

Un dos temores no lugar de Vilarchán era que rematase por vivir na casa máis dunha familia. Sen embargo, este veciño de O Vao asegura que só se trasladarían 5 persoas. O prezo acordado pola casa foi de 240.400 euros, dos que esperaban que a Xunta subvencionase a metade debido ó decreto de erradicación do chabolismo. "O resto iámolo pagar nós ós poucos", puntualizou.

A familia pide unha solución
A intervención dos veciños da parroquia de Tourón causou bastante enfado entre os xitanos. "Non nos queren en ningún sitio. É como se fosemos cans con sarna ou como se tivesemos algún virus contaxioso". Jaime Jiménez asegura que "se non queren que vaiamos a esa casa nesa aldea, non temos pensado loitar por ela. Pedirémoslle ó alcalde que nos busque unha solución".

De feito, os habitantes do poboado de O Vao teñen pensado acudir esta tarde ó Concello de Poio para reunirse co rexedor e o concelleiro de Urbanismo. "Virán tamén xitanos de Monte Porreiro, porque o alcalde de Poio díxonos que eles non nos querían na súa zona, pero parece ser que é mentira, así que imos ir todos xuntos para que nos dean explicacións.

O que teñen claro é que esixiran ó Goberno local que lles busque casas de realoxamento antes de derribar as nove chabolas ilegais de O Vao. A cuestión urxe moito, tendo en conta que o prazo fixado polos tribunais remata co mes de outubro.

"É o prezo que temos que pagar por vivir tranquilos"

En Vilarchán os veciños non cren aínda a transcendencia que recibiu a decisión que tomaron na asemblea o pasado domingo. Non saben quen chamou a tódalas canles de televisión estatal nin ás radios, e observan sorprendidos como todo tipo de redactores pasan polas súas portas.

Hai moita unión en Vilarchán, pero moi poucos queren ofrecer datos. Os que falan fano para expoñer os motivos que levaron a máis de 110 familias a querer asumir unha hipoteca de máis de 240.000 euros.

Para Manuel Posse de Linde, que é de Vilarchán, "esta decisión está ben, e se a cota non é excesiva, pagareina". Para este veciño, a decisión da comunidade é acertada, porque se trata de "evitar que o lugar se converta nun foco de venda de drogas".

O mesmo opina Isabel Carreira, que di que non farían isto se se tratase dun "matrimonio corrente". "Todos sabemos que alí se vende droga, e se se trasladan seguirán sen traballo, e facendo o mesmo", opina.

Pablo Resúa é un dos mozos que coñece os detalles da asemblea. "Os mozos foron algo máis críticos, os maiores estaban máis convencidos", explica. A Pablo non lle gusta que pensen que Vilarchán é unha aldea insolidaria ou racista: "se nos chaman racistas é o prezo que teremos que pagar por vivir tranquilos", laméntase.

As Administracións locais "entenden ós veciños"

A quen non tomou por sorpresa a reacción veciñal en Vilarchán foi ó concello de Poio, que leva atopando o mesmo problema dende que comezou a buscar casas para realoxar ás familias xitanas afectadas pola orde de derribo. O concelleiro de Urbanismo, Xulio Barreiro, asegura que "ata agora non atoparamos reaccións tan radicais coma esta, aínda que o certo é que me parece consecuente, tendo en conta a postura dos veciños 'payos' do Vao, que non queren alí o poboado".

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, explicou que comprende a decisión dos seus conveciños, na que non pode mediar o concello. O rexedor considera que o barrio de O Vao "é un lugar onde hai arraigado un problema social" e os veciños teñen un medo "lexítimo" a que se traslade á súa aldea.

O avogado cre que será un exemplo noutras zonas
O avogado das familias xitanas denuncia que " é unha vergoña que a Cruz Vermella sexa capaz de realoxar a estranxeiros de calquera raza e que as administracións municipal e autonómica non sexan capaces de buscar realoxamento para sesenta persoas españolas". O letrado asegura que a xente que vive nas chabolas de O Vao non se irá do poboado, non porque non queiran, senón porque non teñen onde ir.

O peor do caso para o avogado é que a reacción dos veciños de Vilarchán "vai crear problemas, porque se vai tomar exemplo noutras zonas e se vai repetir".

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, considerou que a idea dos veciños de Vilarchán "chirría un pouco". Fernández instou ás partes a "abordar a problemática pola vía pacífica e do consenso, para evitar que teña efectos negativos sobre a seguridade dos cidadáns".

16/10/2007

4'6 (9 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Casa en Vilarchán
A casa de Vilarchán que orixinou a polémica. (Foto: Noé Parga)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso