Rosa Aneiros.
Un día xa afastado, o presidente Zapatero foi Bambi. Ou iso lle chamaron os medios de comunicación. El non parecía a desgusto co alcume, mesmo cómodo nalgúns momentos en que, con mirada tenra, entornaba os olliños como o cerviño orfo que chegou a ser rei da selva. O presidente perdeu o alcume polo camiño destes tres anos de loita antiterrorista, paz internacional e, tal e como el denomina, avances en materia social que outros cualifican de electorais.
O caso é que o presidente deixou de ser unha cría feble para se converter, velaquí o problema, en quen sabe que. E a pesar de todos os avances e do diálogo cos distintos territorios de dentro e de fóra, non parece ben situado na saída da carreira electoral. E non o está porque o presidente, o PSOE e toda a súa cúpula de dirección política son uns covardicas. Non se pode estar na misa e repicando. Non se pode negociar con ETA para lograr a paz e, uns meses despois, meter aos supostos interlocutores na negociación no cárcere. Non se pode pactar con ERC e co PP e pretender estar a ben con ambos porque a política esixe unha valentía que vai alén dos acordos puntuais. Non se pode aceptar iso de presidente por accidente. Non se pode facer seguidismo da política de confrontación das bandeiras.
A agresividade da política da oposición esixe respostas contundentes O PP está a marcar con control absoluto a axenda política do país e o PSOE, no canto de dar un golpe certeiro na mesa e lembrar quen goberna, baixa as orellas e contesta a todas as provocacións. Decisión, presidente, decisión. E lembre que non se pode estar na procesión e tanxendo as campás ao mesmo tempo.
16/10/2007