Anxa Correa. AGN (Santiago).
Con Noite de reis (ou o que queirades), Quico Cadaval volve ao Centro Dramático Galego (CDG) tres anos despois de O ano da cometa. O contacontos enfróntase ao texto de Shakespeare con humor e respecto, rodeado de actores como María Bouzas, Xosé Manuel Olveira 'Pico', Susana Dans ou Víctor Mosqueira.
PREGUNTA: Déronlle carta branca para seleccionar a obra?
RESPOSTA: Déronme unha carta branca moi rara, porque me pediron que montase esta e dalgún modo adiviñaron o que eu escollería se me desen carta branca. Cristina Domínguez [directora do CDG] sabía da miña paixón por Shakespeare e pola comedia, e pensou que Noite de reis se acomodaba ao meu tipo de imaxinación.
P: Considéraa a montaxe máis atrevida de Noite de reis (ou o que qeirades)?
R: Non, creo que non sexa moi atrevida. Fixen un exercicio de fidelidade moi grande, e a montaxe está a ese servizo, inspirada na cultura italiana. Tentai ser leal a Shakespeare e ao público.
Moita xente pensa que é moi novidoso, pero non o é, penso que incluso é unha cousa un pouquiño clásica. Só quixen que recuperase a lixeireza do teatro.
Vontade popular
P: Tíldana de comedia 'kitsch'...
R: Penso que é un problema cultural. A vontade foi moi popular, e dentro do popular, busquei a referencia na cultura católica máis brillante da historia, que foi a italiana. Para moita xente, iso é 'kitsch', que é a forma bonita de dicir 'hortera', e quen di iso non sabe que o seu gusto polo rap ou o jazz europeo é moito máis vulgar que o gusto pola comedia italiana. Non me molesta, de feito, estou encantado.
P: De feito adoita desmarcarse dun discurso elitista, xa presentou o 'Operación Triunfo' portugués...
R: Pois si, penso que o teatro estivo secuestrado nos últimos 30 anos polos opinadores sobre teatro e non polo público, suspendeuse o diálogo entre o teatro e o público. Isto non é unha chamada a favor do teatro maioritario ou comercial, aínda que estou moi a favor del.
Penso que se fago un espectáculo que só ten 100 espectadores, estou feliz de dialogar con eles, mais se vai ter 16.000, que será o que teñamos ao final da xira con todos os teatros cheos, estou moito máis feliz.
"Son moi preguiceiro"
P: Cal foi a maior dificultade para levar a escena este texto?
R: Foi custosísimo porque son moi preguiceiro. É unha obra que de por si dura dúas horas e vinte minutos, así que retirar eses 40 minutos foi unha penalidade. En cambio, cando estou traballando cos actores nas salas de ensaio todo é felicidade, porque é sorprendente ensaiar cos actores, a xenerosidade que hai, as enerxías. E iso non se paga con diñeiro. Non me estou queixando, que estou moi ben pagado con este traballo.
P: Xa traballara co CDG en distintas ocasións, percibe algún cambio na institución?
R: Non, non noto cambios importantes dende 'O ano da cometa', coa anterior administración. Fixen unha montaxe, contei cos meus estéticos habituais, Defendín traballar co meu equipo, facer un produto que fose froito da colaboración entre todos e tiven apoio do CDG.
"Se atopase un Macbeth, montaría unha traxedia"
P: Está a traballar nalgunha obra escrita que escribira vostede?
R: A verdade é que son bastante preguiceiro, estou a escribir cousas propias, estou a traballar en versións, estou a traballar en experimentos teatrais... Vou deixar outras actividades para centrarme máis no teatro.
P: E máis alá da comedia, ten previsto abordar algunha traxedia proximamente?
R: Penso que 'O ano da cometa', non era unha comedia, era un espectáculo máis moderno, non tiña un xénero moi definido. Era un experimento sobre o mundo de Cunqueiro. Traxedia, a verdade é que non me vexo...
A traxedia é unha obra interior, que fai un tipo que sofre, un Edipo, unha Medea ou un Macbeth, e entón fai falla que un actor sexa capaz de facelo. Creo que sería un mérito meu atopar a un Macbeth ou a unha Fedra, e entón montaría unha traxedia, pero téñoa menos experimentada. Isto é un traballo artesanal, hai que facer as cousas, non hai que pensalas.
14/10/2007