Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Intercambio humanitario

Hugo Chávez anuncia un encontro coas FARC ''nos próximos días''


Etiquetas: paz, terrorismo, FARC, Venezuela, Colombia

Xeración /Axencias.

Hugo Chávez anunciou que nos próximos días se reunirá con representantes das FARC, sen precisar lugar, data ou nomes dos seus interlocutores. “A importancia desta reunión é máxima, é transcendental porque a partir dela poderei enviar a Manuel Marulanda, xefe das FARC, as opcións nas que estiven traballando”.

Todas estas declaracións despois de reunirse co presidente colombiano Álvaro Uribe. Os dous xefes de estado acordaron un 'intercambio de cromos' segundo o cal se liberarían 500 guerrilleiros a cambio da liberación de 45 presos, entre eles a ex candidata presidencial Ingrid Betancourt, nas mans das FARC dende hai cinco anos.

O único punto de desencontro parece ser as condicións de seguridade da entrevista, malia a que Chávez se amosa confiado, “non vos sorprendades se unha mañá vos anuncian que as negociacións tiveron lugar durante a noite”.

Nas últimas semanas falárase do 8 de outubro como data para o encontro entre Chávez e as FARC, aprazada por demanda da mediadora colombiana Piedad Cordoba. Non son poucas as voces que piden publicamente unha maior discreción para evitar riscos adicionais que poidan facer fracasar as negociacións.

Pero Chávez non é demasiado amante da discreción e amósase cada vez máis cómodo no seu papel de interlocutor entre a guerrilla e Bogotá, algo que comeza a molestar a algunhas autoridades colombianas.

Colombia pide ingresar no Banco do Sur
Nesta mesma reunión entre os dous mandatarios, Álvaro Uribe anunciou que Colombia solicita formalmente a súa admisión no Banco do Sur, unha institución que pretende exercer de contrapeso sudamericano ó Banco Mundial e ó Fondo Monetario Internacional. Malia todo, Uribe advirte que este ingreso non supón “un rexeitamento ó BM nin ó Banco Interamericano de Desarrollo, só unha expresión de lealdade coa irmandade suramericana á que non lle imos fallar”.

O presidente colombiano destacou que esta “irmandade esixe moita franqueza” e que Colombia recibiu un moi bo trato desas entidades financeiras, como por exemplo do último acordo conseguido co FMI.

A decisión de Uribe supón un achegamento histórico pois dende a súa chegada ó poder, Colombia converteuse no aliado natural de Estados Unidos na zona e a todo o que iso representa. Todo o contrario que Chávez, fustigador habitual de Bush, da súa política internacional, e das institucións monetarias inspiradas polo liberalismo global como o FMI ou o Banco Mundial.

13/10/2007

4'2 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Reunión entre Álvaro Uribe e Hugo Chávez (foto: Web alopresidente.gob.vn)
Reunión entre Álvaro Uribe e Hugo Chávez (foto: Web alopresidente.gob.vn)
Hugo Chávez no seu programa televisivo falando do Banco do Sur (Web: alopresidente.gob.vn)
Hugo Chávez no seu programa televisivo falando do Banco do Sur (Web: alopresidente.gob.vn)

Buscar máis información sobre







Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso