Anxa Correa. AGN.
Froito das conversas entre dous arquitectos, o galego Manel Somoza, e o portugués Álvaro Siza, xorde un libro que desvela os segredos do proceso creativo do luso Premio Pritzker. Co título Álvaro Siza. Conversas no obradoiro a nova editorial galega Verlibros inicia o contador do seu catálogo, que reunirá obras en galego sobre arquitectura, arte, fotografía e viaxes.
A obra reflicte, segundo explican dende a editora, a "dimensión humana e a grande altura intelectual" do arquitecto, así como o compromiso que mantén co mundo no que vive, xa que, "o personaxe e a obra están moi unidos".
Conversas para facer un libro
Tras colaborar durante 20 anos co arquitecto portugués, Somoza afrontou a elaboración dun libro de conversas co que achegar aos interesados o seu xeito de traballar. Así, provisto dunha gravadora, o galego reuníase con Siza os domingos pola mañá no seu estudo no Porto para repasar proxectos, lembrar anécdotas, e reflexionar sobre o difícil que é facer arquitectura de calidade no mundo actual.
Co-autor e entrevistado tamén fan exercicio de autocrítica coas súas propias obras. Somoza considera que a arquitectura é como unha grande orquestra, onde se fallan músicos, perde o conxunto da obra. Refírese así aos problemas dunha obra como a Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago, cunha acústica deficiente e outras disfuncións, debidas a "deficiencias no presuposto". O arquitecto galego compara o estado desta obra co do Centro Galego de Arte Contemporánea, onde o orzamento permite unha mellor conservación do inmoble.
Os 2.000 exemplares do volume, que inclúe 22 debuxos de Siza un limiar a cargo do historiador da arte Tomàs Llorens, distribúese xa en librerías da comunidade, en tendas especializadas e institucións como o Colexio de Arquitectos.
Verlibros
O novo proxecto editorial en galego, Verlibros, xorde dunha idea xa madurada da xornalista Charo Canal e de Bautista Sotelo, que se decidiron por sacar finalmente o proxecto adiante a raíz do traballo de Manel Somoza.
"Existen moitas editoriais dedicadas á literatura e isto dálles saída a moitos escritores; do mesmo xeito, queremos poñer en valor o trabalo de artistas e creadores galegos", explica Canal, impulsora na primeira editora galega especializada en artes visuais.
Nos seus plans, Verlibros proxecta publicar nos vindeiros tres anos unha guía de arquitectura moderna por provincias e dous de fotografía, así como iniciar unha colección de guías de personaxes históricos relacionados coas súas paisaxes, como Xelmírez, os Irmandiños ou San Rosendo.
"Queremos rescatar a creadores e artistas galegos do século XX pouco coñecidos e recuperar o patrimonio artístico cunha mirada nova e moderna", expresa a responsable da editora, que asume que a súa produción "non terá moitos lectores, pero serán cualificados", xa que apostan "pola calidade".
11/10/2007