Marcos Ferro.
Ou aprobar unha lei coa que non están totalmente de acordo ou arriscarse a perdela se hai un cambio de goberno en Marzo. Esta é a elección que tiveron que tomar estes días os grupos políticos con presenza no Congreso dos Deputados con respecto á Lei de Memoria Histórica. A proposta chega finalmente á ponencia constitucional co apoio de tódalas formacións, excepto Esquerra Republicana e o Partido Popular.
O Goberno camiñou con pés de chumbo coa Memoria Histórica. Non se arriscou a levar a proposta de Lei á Cámara Baixa ata que confirmou que tería os votos necesarios para aprobala. Por iso, os partidos vense agora apurados para tomar unha decisión. Se a iniciativa non pasa o trámite parlamentario neste ano non se poderá aprobar antes dos comicios xerais. De gañar o PP sería o fin da Lei antes de nacer.
Concesións socialistas
Aínda así, o PSOE tivo que ceder nalgúns puntos clave. Dos 25 artigos que compoñen o borrador, 10 xa foron modificados durante esta negociación previa. Así, eliminouse a figura do 'comité de notables' encargados de anular os xuízos da etapa dictatorial. Agora a potestade recae no Ministerio de Xustiza.
Nun principio só estaba contemplada a retirada dos símbolos franquistas nos edificios de titularidade estatal, pero os grupos pequenos negociaron a inclusión dos inmobles que dependen das Comunidades Autónomas ou das Administracións locais. Ademais tamén se inclúe a posibilidade de retirarlle as subvencións públicas á Igrexa e entidades privadas se non retiran os emblemas da ditadura.
¿Un réxime 'ilexítimo?
Un dos puntos que máis queixas levanta é a morneza coa que se condena o réxime franquista e as súas actuacións. O PSdeG non aceptou as propostas de case todos os grupos para que o goberno dos sublevados se considerase "ilegal". En lugar diso, preferiuse o termo "ilexítimo". Desta vez, o goberno non quere mollarse e remover os mesmos cementos da monarquía parlamentaria española, xa que o rei foi designado por Franco.
Isto conleva que as sentenzas dos xuíces franquistas tampouco se declararán nulas. Para Xan Caneda, coordinador da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Grove, esta decisión non só supón unha inxustiza para as vítimas da Guerra Civil e da represión franquista. Asegura que o Goberno evita así unha sangría de indemnizacións.
"Non falamos só das persoas, senón tamén das expropiacións". Caneda lembra que os vencedores da Guerra arrebataron terras e pertenzas ós detidos, moitas veces por mediación do Estado, que posteriormente vendía esas propiedades. Neses casos, tería que ser o propio Estado o que indemnizase ós denunciantes. "Estamos falando de moitos millóns que deberían devolver".
Cambiar as sentenzas
A pesar de todo, o borrador da nova Lei deixa aberta a porta a reclamacións individuais. Se o Ministerio de Xustiza o autoriza, os xuízos poderanse abrir de novo, e os demandantes terán a oportunidade de recuperar o seu.
O maior obstáculo para seguir esta vía é a falta de documentación dos represaliados "moitas das familias non teñen nin a sentenza do xuízo onde os condenaron". Xan Caneda di que están tratando de aportar a documentación necesaria para as denuncias mediante sentenzas de xuízos, causas, ou sentenzas de responsabilidade política.
A apertura ó público dos arquivos do réxime franquista representaría un grande avance para quen busque rexistros das persoas ou propiedades perdidas.
Máis vale paxaro en man...
O BNG foi un dos grupos que se pregou ás condicións do PSOE. O seu voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, admitiu que a nova Lei será un instrumento algo "limitado" para recuperar a memoria colectiva, e criticou especialmente que non se recoñeza o carácter ilegal do franquismo.
Pero os nacionalistas preferiron ser optimistas e lembrar as mellores características da iniciativa, como as facilidades de acceso ós arquivos, as axudas para localizar as foxas comúns e o compromiso da Administración de eliminar os símbolos franquistas.
10/10/2007