Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Interese público

O TSXG desestima un recurso dos Franco para impedir a entrada no pazo de Meirás


Etiquetas: patrimonio, Sada, Xustiza

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar un auto no que desestima o recurso da familia Franco para impedir a entrada de Cultura en Meirás. O texto recoñece a primacía do interese público sobre o privado e dá luz verde para a inspección do inmoble.

Xeración (Santiago).

A Xunta xa ten un pé dentro do pazo de Meirás. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu un auto que supón a primeira vitoria na batalla legal contra a familia Franco. Nel recoñécese a primacía do interese público, fronte ó cal, sinala o texto, "mal cabe aducir con éxito un interese privado, cal sexa a inviolabilidade do domicilio".

O TSXG desestimou de xeito contundente a petición de Carmen Franco Polo, a filla do ex ditador, para que os técnicos da Xunta non entrasen no pazo. A intervención dos técnicos estará limitada á toma de fotografías para coñecer o estado de conservación do inmoble e do seu contorno.

Garántese deste xeito o dereito á intimidade persoal e familiar dos Franco, segundo reza o texto legal, xa que a finalidade das fotos non será outra que a súa incorporación a un expediente para a posible declaración do pazo de Meirás coma Ben de Interese Cultural.

Luz verde á inspección
A propietaria do inmoble pedira a suspensión cautelar do acordo da Dirección Xeral de Patrimonio para que inspeccionase o estado do edificio. O acordo advertía de que, de non permitirse a entrada en Meirás, incorreríase nunha sanción que podería levar parella unha multa de ata 60.000 euros.

O pasado 30 de agosto presentouse no pazo o equipo técnico da Xunta, pero un avogado representante dos Franco impediulles a entrada. O Tribunal asegura no seu auto que "realmente non se concibe que graves e irreparables prexuízos" pode causar a inspección na propiedade, e dá luz verde para a súa execución.

A familia do ex ditador conta cun prazo de cinco días para recorrer a decisión xudicial. Aínda que a posición do TSXG avala as teses da Consellería de Cultura, será un xulgado do contencioso-administrativo que resolva nas vindeiras semanas a petición de entrada no pazo.

09/10/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O pazo de Meirás podería ser declarado Ben de Interese Cultural. (Foto: web do Concello de Sada)
O pazo de Meirás podería ser declarado Ben de Interese Cultural. (Foto: web do Concello de Sada)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso