Xeración.
O escolta dun concelleiro do PSE resultou ferido na explosión dun coche bomba no centro de Bilbao. Segundo informou o departamento vasco de Interior, o estourido debeuse a unha bomba-lapa, colocada nos baixos do vehículo que empregaba habitualmente o escolta. A explosión produciuse sen aviso previo sobre as 13:30 horas, na rúa Zamakola (barrio de La Peña) da capital biscaína.
O gardacostas protexía ao edil socialista de Galdakao, Juan Carlos Domingo Galíndez. Con todo, parece que o atentado ía dirixido contra o propio escolta, xa que o concelleiro non se atopaba en Bilbao no momento da explosión e o ferido estaba fóra de servizo no momento do atentado. O vehículo era propiedade da empresa de seguridade privada para a que traballaba o gardacostas ferido.
Aínda que polo de agora non se reivindicou a autoría do atentado, o Goberno vasco atribúello á banda terrorista ETA.
O ferido, que tras ser atendido no lugar do atentado foi trasladado a un hospital, sofre queimaduras graves. A onda expansiva provocoulle feridas leves a outras tres persoas e danou varios vehículos próximos ao que estoupou.
As primeiras investigacións apuntan a que o explosivo contiña un quilo de amonal. A bomba non era moi potente, pero ao estar colocada ao lado do depósito de combustible causou un grande incendio que calcinou o vehículo.
Maior seguridade
O atentado prodúcese pouco despois de que o Ministerio do Interior anunciase que se "extremarían as medidas de seguridade" ante a posibilidade de que ETA cometa un atentado coincidindo coa celebración do Día da Hispanidad o vindeiro venres 12 de outubro.
Hai un mes, a banda terrorista colocaba un coche bomba en Logroño que non chegou a explotar por un fallo no sistema. Ía dirixido contra a Delegación do Ministerio de Defensa da capital rioxana. Semanas antes, outro coche bomba de ETA estoupaba no cuartel da Garda Civil en Durango, causandolle feridas leves a dúas persoas e cuantiosos danos materiais.
09/10/2007