Besbe.
Hai cousas bastante curiosas: oír nunha cafetería pedir que metan unha tarta xeada uns segundiños no microondas porque así non está tan fría ou decatarse, 6 anos despois, que aquela que dicía ser víctima do 11-S, non era máis que unha mentireira. Curiosas e un tanto absurdas.
Persoalmente paréceme bastante curioso que haxa persoas a día de hoxe que estean en contra do contido dun decreto que iguala o uso do galego e do castelán na educación, máis ca nada, para que o día de mañá non existan analfabetos funcionais en ningunha das dúas linguas oficiais españolas predominantes en Galicia. Ata o de agora estaba convencida de que, nestes tempos, un castelán falante e un galego falante se podían entender sen ningún problema e que comezaba a existir unha harmonía lingüística do máis agradable. Pois non é así, posto que dende que o decreto 124/2007 saiu á luz, xa oín de todo, montouse un escándalo e as argumentacións máis coherentes son que agora seica lles van a impartir as matemáticas en galego, que a asignatura de Lingua Castelá vai ser en galego, que a ver que galego lles ensinan, que seguro que rematan aprendendo portugués e que (feito verídico) cando foron a Toledo a visitar á familia a súa filla dixo que o río que pasaba por alí era o Teixo…sálvese quen poida, que aquí hai moita ignorancia xunta.
Gustaríame pensar que esa xente sabe que os nenos van poder estudiar Enxeñería de Camiños por moito que lles digan que 2+2 son catro e non cuatro, que a Lingua Castelá é castelá e non galega, que o galego ten unha normativa oficial que é a que se ensina e que tamén se lles pode informar que hai outras opcións na escrita e que, por moito que diga Teixo, a rapaza non vai deixar de saber que ese río é o máis longo de España e que se isto non é así, non vai ser porque o 50% das asignaturas sexan en galego, máis ben será que os nenos desta xente exhaltada non atenden o que deberan nas aulas.
E outra cousa, han seguir falando castelán, non teñan medo, porque se eu (e máis) nos educamos con todas as aulas en castelán e seguimos falando galego, os seus fillos non serán menos se os pais se comunican con eles en castelán. O conto é que hai que falarlles e que eles queiran facelo no mesmo idioma, que seica teñen cabeza para decidir se din trasvase Teixo-Segura ou dos y dos son cuatro.
09/10/2007