Xeración.
Fin da historia de amor-odio entre Hristo Stoichkov e o Celta. Unha historia curta pero intensa, que como toda relación tormentosa deixou a lóxica a un lado. O técnico búlgaro asegurou que toma esta decisión "por motivos persoais", e concretou que bota de menos estar coa súa familia.
Stoichkov asegurou que a súa marcha non ten que ver coa mala racha que está a pasar o Celta nestas primeiras xornadas de Liga en Segunda División. O adestrador declarou que xa tiña tomada a decisión e que agardou un bo resultado -o Celta venceu por 3-1 o sábado- para comunicarllo ó clube.
O presidente do Celta, Carlos Mouriño, corroborou esta versión e indicou que o substituto do búlgaro será Juan Ramón López Caro, quen se fixera cargo brevemente do Real Madrid despois da precipitada saída de Wanderlei Luxemburgo do equipo branco.
López Caro xa traballara ás ordes de Ramón Martínez, actual director deportivo do club celeste, nas categorías inferiores do equipo merengue.
Medio ano á fronte do Celta
Stoichkov chegou a Vigo en abril como revulsivo para frear a caída do club celeste que o levaba dereito a Segunda División. O búlgaro substituía a Fernando Vázquez co carácter e a furia que o caracterizou na súa etapa de xogador como maior aval, xa que os seus éxitos como adestrador eran escasos, cun decepcionante paso pola selección do seu país.
A ilusión durou unha xornada, e tras unha vitoria o Celta comezaba unha nova cadea de derrotas que o deixaba ó borde do abismo. Os celtiñas, que o ano antes -o do seu regreso a Primeira División- se clasificaran para a UEFA, chegaban a última xornada practicamente condenados e dependendo de terceiros. Nese último partido a esperanza durou ata o minuto 85, cando o Betis sentenciaba o seu partido e mandaba ós vigueses ó pozo da Segunda División.
A pesar disto, Stoichkov continuou á fronte do equipo, pero a fenda foise abrindo despois do decepcionante inicio de tempada no seu regreso a Segunda. Os últimos resultados parecían darlle aire, pero o abismo era xa demasiado amplo. A historia do ídolo búlgaro en Vigo correu paralela a do club nos últimos anos. Gris, chea de altos e baixos, e con máis sombras que luces.
08/10/2007