Xeración (Santiago).
As viaxes no espazo son un dos grandes soños do ser humano, aínda que despois da conquista da Lúa, os avances en ir máis aló camiñan con lentitude debido as dificultades que atravesan as axencias espaciais. A pesares disto, unha empresa británica especialista en divisas xa deseñou unha moeda para ser empregada no espazo: a Denominación Cuasi Universal Intergaláctica, mellor coñecida como Quid.
A moeda foi desenvolvida por científicos do Centro Espacial Nacional e a Universidade de Leicester, e está elaborada cun tipo de polímero chamado PTFE (polytetrafluoroethylene). Os responsables do proxecto afirman que os sistemas de pago existentes non poderían ser usados no espazo, debido a que os bordes agudos supoñen un risco para os astronautas namentres que as tiras magnéticas empregadas nas tarxetas de crédito danaríanse pola radiación cósmica.
Deste xeito, este material é quen de resistir as altas temperaturas e materiais corrosivos e en principio, a moeda tampouco posuiría ningunha substancia perigosa para os turistas espaciais.
Deseño baseado no Sistema Solar
Os Quid están deseñados en diferentes cores e cada un contén oito planetas que orbitan arredor do sol, reflectindo a posición dos planetas no Sistema Solar da Terra algo que os seus creadores afirman que axudará no caso de que a moeda teña que ser empregada en planetas habitados por outras formas de vida.
Cada un dos planetas levará un número, similar ós números de serie, dándolle ó disco un código único para permitir que o Quid sexa rastreado. Cada un deles está valorado do un ó dez e actualmente un Quid custaría 8,68 euros.
Os científicos do Centro Espacial Nacional predín que as instalacións turísticas sobre a Lúa son unha posibilidade a partires do ano 2050 e Travelex, empresa dona desta iniciativa, xa ten unha petición para abrir a primeira oficina de cambio sobre a Lúa.
07/10/2007