Xeración.
Os xulgados abren unha nova porta á permanencia da fábrica de cloro de Elnosa na Ría de Pontevedra. Un novo fallo xudicial anula por segunda vez o informe municipal desfavorable á situación da cloreira na ensenada de Lourizán.
Desta vez foi o xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra, que considera o informe municipal "contrario a dereito". Este documento fora emitido en xuño sendo concelleiro de Medio Ambiente César Mosquera. Segundo o informe, Medio Ambiente en ningún caso podería emitir a autorización ambiental integrada á fábrica de Elnosa en Pontevedra. O concello baseábase en que a fábrica de cloro non se axusta á ordenación urbanística actual e nas negativas repercusións medioambientais das instalacións, para informar negativamente sobre a planta.
Segunda anulación xurídica
Elnosa recurriu este documento ante a Xustiza, que xa lle deu a razón hai dous meses cunha primeira sentenza. Daquela, o xulgado número 1 do Contencioso Administrativo de Pontevedra anulara o informe municipal, por considerar que contiña varias eivas no seu contido.
Agora, unha nova sentenza reforza esta vitoria da cloreira, que conta cun argumento xurídico para solicitar ante Medio Ambiente a autorización ambiental integrada, da que carece, e que debería conseguir antes de fins de outubro. De non facelo, enfrontaríase a graves sancións e ata ao peche das súas instalacións en Lourizán.
Deste xeito, queda en mans da Consellería de Medio Ambiente outorgar ou non a polémica autorización ambiental.
Emisións de mercurio
Este pronunciamento xudicial chega só uns días despois de coñecerse un informe de Ecoloxistas en Acción que volveu pór de actualidade as emisións do complexo Ence-Elnosa.
Segundo o estudo da organización, os niveis de mercurio no aire nas inmediacións da planta cloreira chegan a acadar os 1.244 nanogramos por metro cúbico (ng/m3). Estes niveis superan amplamente as recomendacións da Axencia de Protección Medioambiental dos Estados Unidos, que marca o límite en 300 ng/m3, ou da Organización Mundial da Saúde, que cifra o máximo aconsellable en 1.000 ng/m3 de mercurio.
A planta de Elnosa en Lourizán abastece de cloro á pasteira de Ence, necesario no procedemento de branqueo da celulosa para a súa transformación en pasta de papel. Elnosa emprega o mercurio no proceso electroquímico de separación do cloruro sódico (que extrae da auga da Ría) do que procesa o cloro que precisa.
03/10/2007