AGN.
O Goberno central recoñece por vez primeira que os estudos científicos confirman que as persoas que participaron na limpeza de fuel do Prestige presentan danos na súa saúde.
Asegúrao o senador do BNG Francisco Jorquera, tras recibir a resposta a unha pregunta na que se interesaba polas conclusións do estudo científico de investigadores das universidades da Coruña, Barcelona e Madrid. Os expertos analizaron máis de 800 mariñeiros que limparon fuel da marea negra.
Jorquera tamén reclamaba financiamento para este tipo de estudos, pois “transcenden a investigación meramente científica, posto que se trata dunha cuestión de gran relevancia social e que afecta ademais á saúde pública”.
Síntomas respiratorios
Entre as conclusións extraídas do estudo, destaca que os resultados “mostran un incremento do risco de síntomas respiratorios, hiperactividade bronquial, tensión oxidativa e dano cromosómico”, entre outros. De feito, a memoria de conclusións do estudo asegura que “os resultados actuais mostran un incremento do risco de síntomas respiratorios” asociados á participación na limpeza de fuel un e dous anos logo da marea negra.
Os datos sinalan a “necesidade dun seguimento da saúde da poboación analizada, tanto para confirmar a tendencia á diminución dos síntomas” como para profundar “na elaboración de estratexias axeitadas de prevención ante futuras catástrofes”, segundo os científicos.
Jorquera critica que o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero non responda a unha das cuestións expostas, relacionadas coa demanda de contemplar axudas compensatorias para paliar os danos na saúde dos afectados.
1.400 toneladas de fuel
O Prestige afundiuse nas costas do litoral galego o 13 de novembro de 2002, cando transportaba máis de 70.000 toneladas de petróleo. O fuel contaminou máis de 1.000 quilómetros de costa e na súa limpeza colaboraron máis de 100.000 traballadores e voluntarios.
Actualmente, o buque aínda alberga unhas 1.400 toneladas repartidas entre a proa e a popa do barco. A última inspección fíxose en setembro.
02/10/2007