Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Promoción da cultura

O libro galego reforza a súa presenza nas feiras internacionais


Etiquetas: libro

Na procura de novos mercados, o sector editorial galego contará con marca e stand propios nas feiras de todo o mundo. Ademais, a web readgalicia.com promoverá a venda de dereitos de case 200 obras actuais.

Anxa Correa.AGN (Santiago).

O sector editorial galego reforza a súa presenza nas feiras internacionais co obxectivo de abrir novos mercados. Galicia contará con stand propio e marca propia para a promoción da súa riqueza editorial en todo o mundo, segundo anunciou hoxe en rolda de prensa a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Deste xeito, o libro galego quenta motores para o que será unha oportunidade para a promoción da cultura galega no ámbito latinoamericano: a asistencia como país convidado á Feira do Libro da Habana.

Acompañada polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e polo presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Alfonso García Sanmartín, a responsable de Cultura presentou hoxe en Santiago o calendario das sete vindeiras citas da Consellería en feiras internacionais para apoiar o sector.

Primeiras citas
Dende o pasado xoves e ata o 10 de outubro, o libro galego preséntase por primeira vez en Montevideo; do 3 ao 5 de outubro no Liber de Barcelona; do 10 ao 14 de outubro en Frankfurt, e do 24 de novembro ao 2 de decembro en Guadalajara (México). Xa no 2008, asistirá á Habana, Bolonia e Bos Aires, e enviará unha delegación a Londres e á Bienal do Livro de Brasil.

Por todos estes países, Cultura levará unha imaxe de "fecundidade" do panorama editorial galego, representada cun dente de león e unha cor verde predominante, e organizará actividades paralelas como presentacións de libros e actuacións musicais para brindar "un coñecemento máis amplo da nosa cultura".

Entre outras accións, desenvólvese un catálogo online da produción editorial galega máis recente, con fragmentos traducidos ao inglés, e a edición bilingüe en galego e alemán dunha escolma de poesía galega.

Cultura salienta a presenza na Habana como país convidado e en México, onde Galicia contará por primeira vez cun stand propio, e para a que xa confirmaron a asistencia 10 editoras galegas. Asemade, a revista mexicana Reverso dedicará un especial aos poetas galegos actuais.

Apoio
Para o presidente da AGE, trátase dun avance "cualitativa e cuantitativamente importantísimo". Ata o de agora, explicou, un grupo de editoriais, conformado por Kalandraka, OQO e Nova Galicia, teñen na asistencia a mercados internacionais un "instrumento fundamental" para coñecer as liñas do sector e dar saída a súa produción.

"Suspiramos por que se incrementen as editoras con stand propio en feiras porque sería un síntoma de normalización empresarial e de que os apoios frutifican", engadiu García Sanmartín.

Así, a partir do mércores, a Feira Liber de Barcelona recibirá a estas tres editoras con stand propio e un stand da Consellería de Cultura no que se reunirá unha mostra dos traballos de 14 editoriais galegas.

Iniciativas
Entre outras accións, presentarase en Frankfurt un catálogo online de dereitos de libros galegos, readgalicia.com, con fragmentos traducidos ao inglés e fichas de case 200 obras de referencia seleccionadas polas propias empresas e editadas nos últimos cinco anos.

Na cita alemá presentará tamén unha escolma de poesía galega editada baixo o título '20 Gedichte aus Galicien', en alemán e galego. Inclúe textos de Rosalía de Castro, Manuel antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Yolanda Castaño, entre outros.

01/10/2007

5'0 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Ánxela Bugallo presentou hoxe o calendario coas sete vindeiras citas de Cultura en feiras internacionais. Foto: Pepe Ferrín.AGN
Ánxela Bugallo presentou hoxe o calendario coas sete vindeiras citas de Cultura en feiras internacionais. Foto: Pepe Ferrín.AGN

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso