Xeración /Axencias.
Lotina prometía xogo bonito como “o camiño máis doado para acadar a vitoria”. O caso é que hoxe o Deportivo ofreceu bo fútbol, avasallando ao seu rival no campo, pero os ventos non lle foron favorables á hora da verdade. O Espanyol levou os tres puntos pola mínima, deixando ao Dépor cunha nova derrota ás costas, que o manda aos postos de descenso (1-0).
Os coruñeses buscaban saír do pozo da clasificación. Lotina remodelou o equipo con ata cinco cambios no once inicial buscando un novo aire no conxunto herculino. Pero o bo xogo deu idéntico resultado ao malo.
Ocasións non lle faltaron ao Dépor, pero non conseguiron converter ningunha no ansiado tanto da vitoria. Todo o contrario que o Espanyol, a quen un gol de Tamudo xusto antes do descanso lle bastou para levar a vitoria. De pouco serviu que a segunda parte volvese a ser un recital do Deportivo. Pese ao dominio dos de Lotina, as ocasións foron menos que na primeira metade e ningunha chegou á rede.
Nova vitoria dos de Xoan Veiga
Pola contra, o Racing de Ferrol continúa coa súa boa racha. O equipo de Xoán Veiga non deixou pasar o mal momento do Albacete para marchar do Carlos Belmonte cos tres puntos (1-2).
Non llo puxeron difícil os locais ao equipo ferrolán para sumar unha nova vitoria nun comezo de temporada pouco menos que impecable. O Racing encarrilou o partido xa no primeiro tempo. Unha chegada de Cohen no minuto 38 dáballe o primeiro tanto aos de Xoan Veiga. Xa en tempo de desconto antes do descanso, un disparo de Medina superou ao gardameta do Albacete, dándolle o 0-2 ao equipo visitante.
Na segunda metade o Albacete quixo espertar, pero non o conseguiu de todo. O gol chegaba da man de Calandria no minuto 71, que conseguía reducir a vantaxe do Racing, pero aí quedaron as cousas. Os tres puntos foron para o Ferrol que se mantén na parte alta da táboa de clasificación, mentres o Albacete se funde nos postos de descenso sumando só un punto no que vai de temporada.
O Celta segue sen funcionar
E o outro equipo galego en segunda división, o Celta, sucumbe á derrota unha xornada máis. Unha excelente primeira parte non lles serviu aos vigueses para superar a un Elxe que conseguía o seu primeiro triunfo da tempada na casa (2-0).
Os celestes comezaron dominando, pero foi o Elxe o primeiro que se adiantou no marcador, grazas a un tanto de Bellvís no minuto 13. Os de Stoichkov resentíronse tralo tanto ilicitano, pero non deron o partido por perdido. O Celta volveu dominar o partido, pero as ocasións quedaban só niso e o gol non chegaba.
No segundo tempo as cousas seguiron na mesma tónica e o conxunto vigués seguiu sen converter en tanto ningún dos erros da defensa ilicitana. Pola contra, foi o Elche o que rematou o partido, nunha xogada embarullada na que de novo Bellvís conseguía bater ao gardameta vigués. E ese foi o definitivo, porque na media hora de partido que restaba, o Celta non foi quen de remontar o resultado adverso que unha xornada máis o deixa en caída libre na táboa clasificatoria.
30/09/2007