Anxa Correa.AGN.
Con 19 anos, Francisco Sesto, coñecido como 'Farruco', partiu do seu Vigo natal a Venezuela, xunto a súa familia, por motivos económicos. Coas raíces galegas "moi presentes", Farruco síntese venezolano ós 64 anos e exerce de ministro de Cultura no Goberno de Chávez.
PREGUNTA: ¿Que lugar ocupa a cultura nunha política revolucionaria?
RESPOSTA: Todo o proceso de cambio é un proceso cultural, e non hai maneira de combater a pobreza sen resolver o problema espiritual. Unha cousa vai ligada coa outra. Non hai posibilidade de facer cambios estruturales se non hai un proceso de revolución da conciencia. O presidente Hugo Chávez dio dunha maneira moi particular: para acabar coa pobreza é preciso darlle poder ós pobres, e o primeiro poder é o coñecemento. Nós estamos a pór a xestión da cultura ó servizo dese proceso de transformación espiritual profundo do país.
P: ¿Como se reflexa ese cambio político na cultura venezolana?
R: Antes había unha xestión da cultura para unha elite e agora faise cun grande sentido de inclusión. Non é o Estado quen fai a cultura. A cultura sempre a fará o pobo, cun goberno bo ou malo. Nós o que podemos facer é poñer estruturas do Estado, poñer recursos financeiros, loxísticos, ó servizo do pobo, para acompañalo nese proceso. Non é moi coñecido o feito de que en Venezuela hai 32 pobos con lingua propia, e hai comunidades afrodescendentes, inmigrantes,... Deron un paso adiante e están exercendo un protagonismo nos cambios. É un paso cara unha visión humanista, integral, democrática da cultura.
Coidar a cultura propia
P: ¿Pódese dicir que en Venezuela hai un rexurdimento das culturas indíxenas fronte a un panorama máis globalizado?
R: Si, culturas indíxenas, culturas campesiñas, culturas afrodescendentes, culturas inmigrantes,... Recoñecemos esa pluralidade cultural. A Constitución define Venezuela como un país multiétnico, pluricultural. Iso é novo, non se recoñecía así ata hai moi pouco. A parte máis ligada ás tradicións, á raíz, á memoria colectiva, á cultura popular, era obxecto de estudo en algúns investigadores, pero non tiña o protagonismo que agora ten.
P: ¿Hai unha estrutura forte para que a pluralidade de voces se impoña na globalización?
R: Nos traballamos con dous conceptos de cultura: a cultura como casa, como alma colectiva, como raíz e identidade; e a cultura como arma de liberación a través do coñecemento do mundo. Procuramos que non haxa unha cultura marxinal, á sombra, que todas teñen os mesmos dereitos. É a grande loita que se da no mundo enteiro, a da diversidade cultural.
P: ¿Que manifestacións destacaría desta diversidade cultural?
R: As culturas indíxenas estanse revalorizando, non só no que respecta ás manifestacións artísticas, ós bailes,... senón incluso unha visión máis profunda, coma as súas cosmovisións, as súas escalas de valores. Están contribuíndo á creación do socialismo, a este proxecto de país distinto. Ó mesmo tempo, os medios modernos de expresión (o cine, o audiovisual, o libro, a literatura) están adquirindo unha forza moi grande coa xestión cultural. Non renunciamos a ningunha manifestación cultural, todas están presentes.
P: ¿Como se está a traballar na recuperación desas culturas ata agora somerxidas?
R: En xaneiro creouse o Ministerio do Poder Popular para os Pobos indíxenas. Os preto de 40 pobos indíxenas do país -dos que máis de 30 teñen lingua propia, outros 4 ou 5 perderon a súa e outros tantos están reclamando a súa identidade indíxena- xa teñen o seu ministerio. Non hai unha visión que se impoña dende unha uniformidade. Creo que é esencial no momento que estamos vivindo.
P: ¿Están desenvolvendo algún proxecto en relación con Galicia?
R: Cada vez que veño ou que hai unha visita oficial de representantes galegos, trato de facer a conexión. A min gustaríame que fose máis intensa, creo que hai moitas posibilidades de relación e estamos dispostos. Ás veces a intención está aí, pero á hora de concretar determinados proxectos, a burocracia véncenos a un lado e a outro.
De emigrante a ministro
P: Falaba vostede de integración de inmigrantes na cultura venezolana...
R: A mellor proba é o meu caso, que chego a Venezuela ós 19 anos, como adulto, e sen embargo, non hai hoxe en día ningún tipo de discriminación. A sociedade non ten ningún problema en aceptarme como ministro de Cultura, é unha proba de como están cambiando as cousas. Aquí estamos os galegos integrados con todas as comunidades.
P: ¿Por que derroteiros chegou ó posto de ministro?
R: Fun militante na política dende moi novo. Compartín a loita e as inquedanzas de xente como Celso Emilio Ferreiro, do que me sinto moi honrado de ter sido amigo, e de outros galegos, como José Fernández, ou o comandante Sotomayor, o que secuestrou o Santa María. Metinme na loita dende moi novo, sendo profesor universitario, arquitecto. Agora tocoume este cargo e véxoo como un traballo máis de entrega para contribuír a superar situacións estruturais de inxustiza e desigualdade.
P: O seu pai foi fundador do Partido Galeguista, ¿que valores lle infundiu que vostede manteña presentes hoxe en día?
R: Sobre todo un valor de preocupación polas raíces, pola cultura. O meu pai era un home da cultura, poeta, debuxante, un home de grande sensibilidade. A pesar de participar da dereita galeguista cando se escindiu o galeguismo e que os seus fillos fomos todos de esquerdas, transmitiunos algo esencial, que é o amor pola cultura, polo pobo. Creo que nos profundamos moito máis estruturalmente na causa, pola época que nos tocou vivir.
P: ¿Como cre que se percibe o Goberno de Chávez a este lado do charco?
R: Coñezo a moitos galegos que participan no proceso de cambio. E tamén hai un grande sector da poboación máis ben apolítica, cun ton conservador, ós que non lle gusta o risco, as aventuras de todo proceso de cambio profundo. Non definiría á comunidade galega como 'reaccionaria', senón mais ben prudente e cun ton apolítico. En moitos casos, influídos polos medios, desenvolveron unha postura case contraria ó Goberno de Chávez.
29/09/2007
O gran cambio de chavez para Venezuela, para acabar coa pobreza e mellorala posición deses pobos indixenas tamén pasa por facerse presidente vitalicio, eliminar canles de televisións que non comulgan con rodas de muíño, etc. Agora ao populismo puro e duro que provoca a ruína nun país en favor de dirixentes como Chavez e ese "galego" tamén se lle chama cambio. E aínda porriba vennos vendendo a historia da diversidade cultural tentando tocarnos a fibra. Prefiro unha sociedade apolítica, influida por medios de comunicación de diversos posicionamentos a unha sociedade influida por unha soa voz que merca o seu poder a golpe de talonario. aí esta a venezuela chavista: un modelo a seguir para a progresía europea.