Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Reforma da PAC

A Xunta reclámalle ó Estado que defenda as cotas do leite en Europa


Etiquetas: Medio Rural, UE, leite, agro

AGN.

A Consellería de Medio Rural reclámalle ó Ministerio de Agricultura que defenda a presencia de mecanismos reguladores que controlen a produción do leite na Unión Europea.

O departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal tomou así unha posición claramente en contra da liberalización total da produción de leite, proposta no borrador da reforma da Política Agraria Común (PAC) que se debate estas semanas en Bruxelas.

Suárez Canal argumentou que "un mínimo control" das administración públicas no mercado é a única alternativa para garantir unha produción estable, rendas dignas ós gandeiros e flutuacións de prezo razoables.

O responsable de Medio Rural considera que a produción de alimentos de primeira necesidade debe ser un sector "estratéxico" para os poderes públicos, e puxo como exemplo a falta actual de leite nos mercados internacionais e a crise derivada do incremento no prezo dos cereais para a produción de biocombustibles.

"Corrixir situacións inxustas"

A proposta de Medio Rural pasa por corrixir a actual Organización Común de Mercado (OCM), de modo que resolva as "situacións inxustas" para os gandeiros galegos, froito dunha distribución que se remonta á entrada de España na Unión Europea. Suarei Canal afirma que se ten que primar ós países deficitarios e a certos tipos de explotacións, como aquelas que contribúan a fixar a poboación, xerar emprego ou eviten o abandono do medio rural.

Tamén debería haber un oco, segundo o conselleiro, para aqueles modelos que sexan pouco dependentes de materias primas externas, é dicir, que produzan o seu propio forraxe e pensos.

Ademais, dende o departamento de Medio Rural piden a UE permita aumentar a capacidade de produción das rexións nas que o consumo interno supera a cota asignada, como España, que precisa 9 toneladas de leite ó ano cando o tope imposto dende Europa é de 6.

Medidas de emerxencia

Ante a proposición de Polonia de elevar un 5% a cota de produción de cada Estado membro debido a actual falla de materia prima nos mercados, o conselleiro móstrase de acordo, mentres se realice un reparto "non lineal" da cota de produción, é dicir, que se prime ós países que máis o precisen. Do contrario, considera que se perpeturará a actual situación de desvantaxe.

28/09/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Información relacionada

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso