Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Ilusión vs burocracia

''A adopción non debe ser un trámite fácil, necesita o seu tempo''


Etiquetas: familia, adopción, infancia

Iolanda Fernández (Santiago).

"Hai moita xente que che di: 'a min gustaríame adoptar, se non fose polas listas de espera...' ", e iso a Nacho sácao das súas casillas. Xesticulando e modulando un pouco a súa voz, intenta explicar que a adopción non pode ser un trámite fácil, que necesita o seu tempo.
      
Pero aínda así, esta espera esta repleta de luces e de sombras. E detrás de cada historia, hai unha mesma ilusión: conseguir ser pais.

Aceptar unha dura realidade
Nacho e Ana asumiron hai un ano unha nova responsabilidade, coidar de Felipe. Despois de moitas probas e someterse a infinitos tratamentos de fertilidade, Ana reclama que "nese momento apareza alguén que che diga as túas posibilidades reais ou algún tipo de información". Ambos sosteñen que ás veces algunhas parellas se obsesionan demasiado con conseguir ser pais biolóxicos, e que é necesario que alguén lles comente outras opcións.

No concello lucense de Navia de Suarna viven Carlos e Josefa. O seu xinécologo desaconselloulle pasar por un embarazo aos corenta anos. "Díxome que era moi probable que o neno non fose adiante e falounos da posibilidade de adoptar. Aos dous nos encantan os nenos e era unha pena quedar sen ningún".

Ser idóneo
Unha vez tomada a decisión, os pais deben conseguir o 'Certificado de Idoneidade' que a Xunta tramita en cada unha das Delegacións Provinciais de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Ana comenta que eles tardaron arredor de 11 meses, cando legalmente o período máximo non debe sobrepasar os 6 meses.

Un período que práctica se volve moi variable e que se podería axilizar. Nacho e Ana mencionan o exemplo de Cataluña, onde un grupo de psicólogos externos á Generalitat está capacitado para expedir o certificado.

Outra elección que marca decisivamente o proceso é optar por unha adopción nacional ou internacional. No caso da segunda, os tempos de espera e os requisitos mudan xa que cada país marca os seus propio criterios para a elaboración do estudo psicolóxico e social.

A espera, con moita paciencia
Ao elixir a adopción nacional, Carlos e Josefa só tiveron que armarse de paciencia e esperar. Carlos asegura que despois de pasar 8 anos nas listas, "xa non contabamos con Óscar".

Daniel e Marta, tamén dos Ancares, non querían agardar tanto tempo e tras un ano nas listas recorreron a unha asociación de Lugo. Aos dous meses ofrecéronlles a posiblidade de adoptar a tres irmáns. "Unha vez que nos puxemos en contacto con ARELA, as cousas foron máis rápido, aínda que o feito de aceptar irmáns fai que as listas corran máis rápido".

Para Nacho e a Ana o seguinte chanzo, no longo camiño que é unha adopción internacional, foi escoller o país no que a tramitarían. "Eliximos Colombia porque levaba moitos anos traballando dunha forma transparente". Pero o camiño non estaba libre de obstáculos e un problema burocrático devolveu os papeis a España durante un ano.

"Imaxina", di Nacho, "un ano para idoneidade, outro para que acepten os papeis e logo dous máis na lista de espera". Aínda agora, se reflicte o cansazo nas súas caras ao falar da frecuencia coa que miraban as listas en Internet. "Por momentos dis, que lles dean a todos, eu xa non me vou preocupar máis."   

O proceso de adaptación
"Pasar de 0 a 3, imaxínao" di Marta, "coller un rapaz de 12 anos é complicado" comenta Josefa. "En Colombia todo ía ben porque era como estar de vacacións, o problema sería ao chegar a Pontevedra", explica Ana.

Medos de tres parellas que estreaban paternidade. Daniel e Marta conquistaron aos seus tres fillos con piruletas. O máis pequeno tiña 5 anos e o maior 9. "A primeira vez que os vimos, estaban os tres sentados superformais", pero o seu maior medo era a reacción do máis maior. Temían que puidese existir algún conflito que arrastrase aos seu irmáns, pero ao final, "foi o que mellor se adaptou".

Para Carlos e Josefa as cousas foro nun chisco máis complicadas. "Era un adolestente, e esta xentiña polas boas é difícil de levar, ás veces queren saber máis ca un". Moi baixiño e cun pouco de vergoña sigue, "os pais aprendéronlle a roubar. Pero é un bo rapaz, cun pronto forte, pero que aos cinco minutos xa te está abrazando".

Nacho e Ana tiñan moito medo a que Felipe non se adaptase, pero "ao final é todo moi natural, non é máis ca un neno de 4 anos. Nada máis coñecernos, xa eramos 'mamá' e 'papá' ".

30/09/2007

5'0 (10 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Os pontevedreses Nacho e Ana, felices pola súa recente paternidade (Foto: Iolanda Fernández)
Os pontevedreses Nacho e Ana, felices pola súa recente paternidade (Foto: Iolanda Fernández)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso