Xeración.
A escalada de violencia continúa en Myanmar e a revolta iniciada polo exército azafrán continúa. A Xunta Militar aumenta a represión das protestas e segue a pechar o círculo, desta vez á información. Despois de restrinxir o acceso dos xornalistas ao país, o goberno decidiu illarse da rede global, decretando o peche dos cibercafés e cortando o acceso a internet.
As dificultades da distribución da información complica coñecer o que está sucedendo no país. De novo se volveu vivir unha noite de arrestos masivos, e o exército rodeou os mosteiros para evitar a saída dos monxes que aínda permanecían en liberdade. Con todo, pola mañá as protestas volveron ás rúas de Yangón (antiga Rangún), que está a ser o centro das protestas.
Segundo informa Mizzima News, tamén se están a producir movementos de tropas dende o sur do país, sen que estea claro o seu propósito polo de agora. Sospéitase dun posible enfrontamento interno entre a clase militar, polo de agora sen confirmar.
Peche aos xornalistas
Decatándose do alcance global que estaban a acadar as protestas pro-democráticas que dende hai case dúas semanas vive o país, a Xunta Militar quere agora gañar a batalla da información. E é que a longa ditadura birmana está tamén mantendo unha guerra fronte á opinión pública mundial. O primeiro golpe deuno onte, co peche das fronteiras aos xornalistas.
Segundo a informaba The Irrawady, un destacamento militar entrou onte no Hotel Traders, no centro da cidade, e comezou a rexistrar habitación por habitación para buscar a varios correspondentes estranxeiros que entraran no país con visado de turista. A maioría foron expulsados do país, e dende hoxe ningunha persoa estranxeira pode entrar en Myanmar cos permisos habituais de turista ou prensa.
Da prensa española, só o enviado especial de El Mundo, David Jiménez, continúa no país enviando crónicas do que está a acontecer na principal cidade birmana, Yangón (antiga Rangún).
Golpe á información cidadá
Pero o goberno deu un paso máis, porque o maior fluxo de información e imaxes sobre a revolta azafrán non saía dos correspondentes estranxeiros, senón dos propios cidadáns. Internet convertiuse na fiestra pola que o mundo se está a decatar de como monxes e cidadáns se enfrontan a unha ditadura de 45 anos de historia.
Medios opositores ao réxime, como The Irrawaddy ou Mizzima están a difundir dende os seus sitios web imaxes e puntuais crónicas do que sucede no país. Youtube énchese de vídeos das cargas policiais, gravados polos móbiles dos asistentes ás manifestacións e redistribuídos pola maior plataforma informativa: a rede.
O blog Ko-Htike, recolleu durante os últimos días imaxes enviadas dende o interior do país, posts sobre a revolta, e enlaces a outros sitios de información. Dá conta hoxe das restriccións impostas polo goberno: "a Xunta militar birmana cortou a conexión a internet por todo o país. Polo tanto non vou ser capaz de postear fotos da brutalidade do exército. Con todo, tentarei colgar imaxesque reciva por outros medios".
28/09/2007