Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Mobilizacións pro-democracia

O exército birmano dispara contra os manifestantes en Yangon


Etiquetas: conflito, Myanmar

Xeración /Axencias.

A violencia está a tinguir esta nova xornada de protestas do 'Exército Azafrán' en Myanmar (antiga Birmania). Segundo as últimas informacións, as forzas armadas cargaron brutalmente e dispararon contra os centos de persoas que, comandadas polos monxes budistas, se manifestaban en Yangon.

Segundo informa o xornal francés Le Figaro, hai varios feridos trala actuación policial, na que "se deitou sangue". Outras fontes, citadas por Efe, falan de cando menos un manifestante morto e outro ferido a causa dos disparos.

A carga policial producíase logo de que, desoíndo as prohibicións impostas polo goberno ás reunións de máis de cinco persoas, centos de monxes budistas continúase coas súas mobilizacións pro-democráticas e volvesen manifestarse polas rúas de Yangon.

As forzas de seguridade empregaron porras e gases lacrimóxenos para dispersar a concentración pacífica dos monxes budistas. Nesa actuación as forzas de seguridade detiveron a varias persoas, das que non se coñece a cifra real, xa que algunhas fontes falan de máis de 80, mentres que outras elevan a cifra ata os 200 detidos.

Vixilancia policial e arrestos
As tropas armadas permanecen instaladas pechando os accesos ás pagodas de Shwedagon e Sule, a varios mosterios do país e á sé da Liga Nacional para a Democracia, os lugares públicos nos que se focalizan as principais protestas contra o réxime.

Ademais, a Xunta Militar ten declarado o toque de queda e as autoridades do país comezaron a arrestar aos seus opoñentes máis destacados dentro do Exército Azafrán, nun intento de previr unha nova xornada de mobilizacións. Así, durante a pasada noite foi detido o veterano activista U Win Naing, quen xa estivera arrestado o pasado febreiro por organizar unha conferencia de prensa da súa agrupación.

Os axentes birmanos tamén detiveron ao cómico Zanagar, moi popular no país, acusándoo de dar auga e alimentos aos monxes que se manifestan.

Os colexios de Yangon permanecen pechados, ao igual que numerosos comercios e oficinas, polo temor que se estende polo país a que se repitan as mesmas esceas de represión militar que en 1988.

Con todo, o movemento de protesta encabezado polos monxes budistas e a Liga Nacional pola Democracia (LND), non parece amilanarse ante o 'estado policial' que reina no país. Segundo informa BBC mundo, as protestas estanse a trasladar á residencia particular da activista líder da LND, Aung San Suu Kyi, que declarou que a decisión do exército de cargar contra os manifestantes supuxo "unha falta irreparable".

Reacción da comunidade internacional
Como adoita suceder nestes casos, a resposta da comunidade internacional sobre as protestas que dende hai máis dunha semana ocupan as rúas de Myanmar, chega a contagotas.

Os dirixentes políticos reunidos estes días na Asemblea Xeral da ONU en Nova Iorque criticaron a resposta do goberno birmano ás protestas do clero budista, mentres que dende os Estados Unidos xa se anuncian novas sancións contra Myanmar e se fai un chamamento á revolución política no país.

A Unión Europea tamén ameazaba onte con impoñer novas sancións ao réxime militar birmanos e recorría á violencia para reprimir as protestas de monxes e cidadáns, como de feito sucedeu.

26/09/2007

5'0 (10 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A pagoda de Shwedagon, centro das protestas dos monxes, está tomada polo exército (Foto: Wikimedia Commons)
A pagoda de Shwedagon, centro das protestas dos monxes, está tomada polo exército (Foto: Wikimedia Commons)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso