O secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, abriu a Conferencia sobre Cambio Climático cun chamamento á acción. A resposta dos líderes mundiais foi o compromiso na procura do acordo para loitar contra o quecemento global.
Betti Vázquez (Santiago).
Un acordo contra o quecemento global que vaia máis aló das palabras é o compromiso que adquiriron os líderes dos 154 países participantes na conferencia da ONU sobre cambio climático.
O secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, abriu o simposio cun desesperado chamamento á acción. "Xa sabemos dabondo. Se non o facemos, o impacto sobre o clima será devastador. Temos tecnoloxía asequible para afrontar o problema. O que non temos é tempo", sentenciou.
E o seu clamor foi escoitado. Os líderes mundiais asumiron nas súas intervencións que combater o cambio climático esixe aceptar responsabilidades e transformar en actos o que ata o de agora foron só boas intencións.
"Acción, acción, acción" esixiu o gobernador de California, Arnold Schwarzenegger. "Non se trata de ver quen foi o culpable no pasado, senón de mirar cara o futuro" dixo, logo de asegurar que o seu Estado, "a sétima economía do mundo", invirte máis en enerxías limpas ca en telecomunicacións.
Non facer nada, máis caro ca actuar
De "terrible ironía" tildou Ban Ki-Moon o paradoxo de que os países pobres sexan os que máis contribuíron ó problema e os que máis o sofren. O secretario xeral da ONU atribuíu unha responsabilidade primordial ós países industrializados, e falou da necesidade dunha acción internacional concertada. Con el coincidiron tódolos mandatarios nunha sorte de monólogos na que cada quen alardeou do seu bo facer e de bos desexos para o mañá.
E precisamente no bo facer centrou o seu discurso o presidente do Goberno español. Zapatero insistíu no necesario uso das enerxías renovables, e lembrou que España se sitúa "á vangarda" no seu desenrolo.
E aínda que España é un dos países que máis lonxe está de atallar o Protocolo, asegurou que "non escatimará esforzos e asumirá a responsabilidade solidaria que lle corresponde". O país emitiu no 2006 un 48% de gases de efecto invernadoiro máis ca en 1990. O protocolo obriga a reducilos ata o 15% de cara ó 2012.
Pola súa banda, o presidente do Ecuador, Rafael Correa, lanzou unha mensaxe ós países industrializados. Pediulles unha recompensa para as nacións máis pobres pola contaminación que o seu benestar económico leva causando. O mandatario insistiu en que "non se pode pasar por alto a desigualdade na orixe e na distribución dos efectos do quecemento global" nun debate sobre cambio climático.
Un 'Plan Marshall' contra o cambio climático
Tamén pensando no futuro afrontou o seu discurso o ex vicepresidente dos Estados Unidos, Al Gore. Quen fixo da loita contra o cambio climático a súa carta de presentación redundou na necesidade de "actuar xa", e propuxo que os xefes de Estado de todo o mundo se reúnan cada tres meses ata que se peche un acordo firme. Gore propuxo tamén un "Plan Marshall planetario" para afrontar os gastos derivados da acción contra o quecemento global.
O terceiro representante dos Estados Unidos, país á marxe de Kioto, foi a secretaria de Estado, Condoleezza Rice. Expresou a intención do seu páis de chegar a acordos no marco das Nacións Unidas para combater o problema "rápido e de forma eficiente". E reiterou unha vez máis a importancia do desenrolo tecnolóxico para reducir a dependenza enerxética e as emisións contaminantes.
Bush: ausente na reunión, presente na cea
O secretario xeral da ONU foi o encargado de pechar a reunión cunha exposición de conclusións na que se mostrou algo máis optimista. Ban sinalou que as intervención ó longo da xornada confirmaron que o clima está cambiando e que a responsable é a actividade humana. Pero confiou en que o compromiso asumido por tódolos mandatarios se traduza nun salto definitivo das palabras ós feitos.
O simposio rematou nunha cea á que asistiron 25 líderes mundiais. Entre eles, o presidente Bush, un dos grandes ausentes durante a reunión. O seu país, dos máis contaminantes xunto coa China, non ratificou Kioto.
A illa indonesia de Bali será o escenario da vindeira Conferencia sobre Cambio Climático, convocada para decembro. Nela discutiranse as bases do acordo que no 2012 sustituirá ó Protocolo de Kioto.
25/09/2007