Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Unha guerra soterrada

As produtoras e discográficas 'xogan sucio' contra o P2P


Etiquetas: P2P, internet

Marcos Ferro.

A compañía MediaDefender, especializada en combater o intercambio de películas e música mediante redes P2P cometeu un deses erros que non se solucionan só con diñeiro, e que pode levar á súa perdición e crearlle problemas a máis dunha grande produtora norteamericana.

Hai uns días, un grupo de usuarios autodenominados MediaDefender - Defenders facían públicos centos de correos electrónicos internos desta empresa, na que se desvelaban moitas das políticas que se estaban a seguir para 'cazar' ós usuarios dos programas de intercambio entre iguais, algunhas delas de dubidosa legalidade, outras, simplemente rastreiras.

Métodos básicos: ataques DOS e arquivos falsos

Os correos electrónicos chegaron ás mans deste grupo por un descoido dun empregado da compañía, que reenviaba tódolos correos corporativos a unha conta de Gmail, que foi asaltada.

Os máis de 100Mb de material filtrado amosan que MediaDefender aplica sen dubidar técnicas como ataques de denegación de servizo, é dicir, que envía milleiros de peticións ós usuarios que ofrecen arquivos P2P coa esperanza de colapsalos e evitar que outros poidan acceder a este recurso.

Tamén proporciona arquivos cun nome suxerinte, pero que resultan estar baleiros ó finalizar a descarga. Como MediaDefender conta con centos de servidores funcionando, xeralmente os seus arquivos falsos están nos primeiros postos na lista de pesquisas.

A rateira

Pero segundo se pode ler nos textos filtrados, os responsables de MediaDefender prefiren métodos máis sutís. Por exemplo, crear un portal que incite a suba e descarga de vídeos protexidos por copyright para identificar ós usuarios que comparten material con dereitos de autor.

O portal en cuestión chamábase MiiVi.com, e viña acompañado por un programa que posibilitaba a subida dos clips de vídeo. Unha vez instalado, este software espiaba as descargas que o propietario do PC facía mediante os programas P2P. MiiVi foi desenmascarado pola páxina especializada TorrentFreak, que comprobou que o propietario do dominio non era outro que MediaDefender. Agora, trala difusión dos emails, pódese comprobar os intentos dos donos da empresa de borrar a información da Wikipedia cando a súa trampa foi descuberta.

Listas para o goberno

De todos os segredos que se coñeceron gracias ós emails, pode que o máis preocupantes fose o acordo acadado coa Administración do estado de Nova Iorque. As conversas por mail revelan un acordo polo que a empresa lle revelaría ó fiscal xeral do Estado a lista das persoas que se descargaban pornografía.

Segundo un dos interlocutores, un analista da oficina do fiscal, os datos servirían para "acumular evidencias e para unha análise posterior".

The Pirate Bay quere demandar ás produtoras

O célebre portal sueco thepiratebay.org, quizais a principal referencia no mundo das descargas por Bittorrent, denunciou na policía as manobras da compañía anti-P2P, o que podería ser o primeiro paso para emprender accións legais contra algunhas das compañías que contrataron os servizos de MediaDefender.

Dende o tracker sueco aseguran que os datos se desvelan nos correos electrónicos son suficientes para probar que as discográficas e produtoras utilizaron métodos ilegais para bloquear os servidores de The Pirate Bay.

24/09/2007

5'0 (14 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Logo thepiratebay.org
O portal The Pirate Bay podería emprender accións legais contra as grandes compañías de entretemento

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso