Datos de interés

  • Venres 19.03.2010

Contra a Xunta Militar

As protestas do clero budista espállanse polas cidades de Myanmar


Etiquetas: conflito, Myanmar

Ana García (Santiago).

A Xunta Militar Birmana asume hoxe unha nova manifestación en contra da súa política, coa marcha de máis de 10.000 budistas que se dirixen de xeito pacífico cara a cidade de Mandalay. Ó tempo, case un milleiro dos seus compañeiros manifestábanse na pagoda de Swedagon, na capital do país, Rangún.

Este é o quinto día no que os monxes marchan sobre a principal cidade de Birmania en sinal de protesta polos últimos decretos do Goberno militar, en especial pola subida dos prezos da gasolina, instaurada o mes pasado. O Executivo birmano negou a posibilidade de declarar o estado de emerxencia, pero as medidas represivas volveron a converterse nas armas máis empregadas, traendo á memoria da poboación os recordos do levantamento do ano 1988.

Esta mesma semana, o enviado especial da ONU no país, Ibrahim Gambari, urxiu ó Consello de Seguridade da ONU reunido en Nova York a que tome medidas para solucionar a situación birmana. A Comisión Asiática de Dereitos Humanos, con sé en Hong Kong, tamén amosou o seu descontento coa situación, pedindo á comunidade budista de todo o mundo que se unan ós monxes birmanos para boicotear a calquer persoa asociada ó réxime militar.

O comezo das mobilizacións

Esta convocatoria reflicte a forza do rexurdimento do movemento budista contra a censura reinante en Birmania, que comezou o pasado mes de agosto, trala subida dun 500% dos prezos dos combustibles.

Dende entón, os monxes budistas comezaron as súas protestas, e a comezos de setembro desafiaron á xunta militar na cidade de Pakokku, coa queima de catro automóbiles pertencentes ás autoridades locais. Foi a primeira vez dende que comezaron as manifestacións na que os soldados disuadiron a tiros unha protesta de máis de 300 monxes, segundo afirma a axencia IPS.

O refrán dos tres fillos
Un refrán popular birmano advirte que o réxime militar terá problemas 'cando os tres fillos da nación unan as súas mans'. Os tres fillos son os estudantes, os monxes e os soldados. Dous deses elementos, estudantes e monxes, estiveron á vangarda das protestas contra a represión dende o movemento de independencia en 1988 e os xenerais temen a forza que poidan ter estes dous elementos contra eles.

Recentemente, o goberno militar celebrou unha Convención Nacional para sentar as bases dunha nova constitución que permita ós militares seguir gobernando o país. A constitución someterase a referendum e é vital para eles que se aprobe, aínda que para iso precisan de apoio popular, o que semella complicarse.

Falla de dereitos civís
O Goberno militar birmano arrestou o pasado mes de agosto a 13 activistas pola democracia, onde se atopaban alomenos sete integrantes da dirixencia do grupo pro democracia Estudantes Xeración 88, unha entidade que xogou un papel clave no alzamento de 1988 e que foi reprimido de xeito violento polos militares.

O pasado mes de maio, a Xunta estendeu un ano máis o arresto domiciliario da líder opositora Aung San Suu Kyi. Os últimos 11 anos lévaos en arresto domiciliario e en 1990, a súa Liga Nacional pola Democracia gañou unha votación que foi anulada polo exército e nunca se lle permitiu tomar o poder.

As protestas dos relixiosos convértense deste xeito nunha crise inesperada, xa que os monxes son moi respectados en Birmania, un país no que o 89% da poboación profesa esta relixión. O clero budista é a institución máis organizada despois do exército e agora semella recuperar a súa posición de presión, mentres a Xunta Militar deixa actuar á censura.

22/09/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

A activista Aung San Suu Kyi é unha das figuras máis coñecidas contra a Xunta Militar
A activista Aung San Suu Kyi é unha das figuras máis coñecidas contra a Xunta Militar

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso