Datos de interés

  • Domingo 05.07.2009

Luis Emilio Batallán, músico

'A vida pode pasar sen cancións'


Etiquetas: música, lingua

Anxa Correa. AGN (Santiago).

 O músico Luis Emilio Batallán (Santiago, 1948) presentou en Santiago o seu cuarto disco, 'Tu retrato'. O autor do popular 'Aí vén o maio', que vén sacando unha media dun disco por década, confesouse namorado da súa profesión, a medicina, que descartou abandonar pola música.

"A vida pode pasar sen cancións. Non entendo por que se idolatra ós artistas, cando hai cousas máis importantes", argumentou Batallán, quen se amosou molesto polo entramado do sector discográfico.

"Pasei un ano para conseguir autorización da Universal e Sony para ter a colaboración de Pablo Milanés e Joaquín Sabina no disco, cando eles xa se prestaran", queixouse e prometeu pensarse mellor as colaboracións no seu vindeiro disco, xa que é "moi complicado".

A orixe das cancións: a poesía
No encontro cos medios, interpretou dúas pezas incluídas no álbum, que ten como portada unha foto de Batallán cando era neno cunha gorra "revolucionaria, ó Che Guevara, feita  cando aínda non existía a célebre imaxe". Foron 'Fue otra época' y 'Contra Jaime Gil de Biedma', nos que musica os poemas do autor catalán, acompañado pola voz de Sabina.

O disco inclúe aínda outra letra de Gil de Biedma, 'Feliz aniversario'. Batallán explicou que o seu interese polo poeta veu "por culpa" de Joaquín Sabina e Luis Eduardo Aute, que aínda non se atreveron a musicar os seus versos.

"Jaime Gil de Biedma traballaba en Tabacos de Filipinas e expulsou ó pai de Aute da empresa. Cando ían de copas, Aute chamáballe cabrón a Gil de Biedma, e éste, con dor de corazón, empezoulle a dar letras para que Aute compuxera cancións, pero nunca se atreveu", explicou, xa que mentres os versos de Curros Enríquez e de Rosalía "teñen a música implícita", no caso de Gil de Biedma "é moi difícil".

"Como eles non o fixeron, fíxeno eu", engadiu, para amosar unha vez máis que este disco é para el "un reto". "Despois do éxito de 'Aí vén o maio', propuxéronme facer outro disco igual, pero como músico, non me interesa". Seguindo esta máxima, aposta neste disco por arrouparse de "moitos músicos e moi bos", e con toques pop, jazz, blues e soul, mentres que para o vindeiro "igual volvo á guitarra e á voz; é un círculo de experimentación".

Ademais de Gil de Biedma, o músico bota man dos versos de Seseña, "un poeta maldito" e musicado tamén por Extremoduro; de Antonio Oliver, autor dalgunhas letras do disco de Sabina '19 días y 500 noches', e de Fonollosa, "un heavy" musicado por Albert Pla, e do que adapta 'Park Avenue' coa voz de Pablo Milanés. O propio Batallán asina a letra dos temas que abren e pechan o disco: 'Ángel azul' e 'A cada un o seu'.

Lingua e difusión
Outra novidade deste disco é o feito de cantar en castelán, a pesar de que "o galego adáptase máis que o castelán ó tipo de música que practico", debido á súa "maior difusión", e comparou o seu caso co de Serrat.

Por último, avanzou que o seu próximo disco o gravará en Brasil e que probablemente adapte poemas do galés Dylan Thomas. Ao tempo, expresou o seu desexo de colaborar con Milton Nascimento e a súa admiración polos músicos brasileiros. "O meu gusto sería que o galego evolucionase ó brasileiro, e deberiamos facer cousas con eles, porque ademais é un mercado importante", concluíu.

22/09/2007

5'0 (6 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Batallán afirma que o galego adáptase mellor á súa música
Batallán afirma que o galego adáptase mellor á súa música

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso