AGN/Xeración.
Os niveis de mercurio no aire nas inmediacións da planta cloreira de Elnosa en Pontevedra rondan os 1.244 nanogramos por metro cúbico (ng/m3), segundo as medicións realizadas por Ecologistas en Acción e feitas públicas estes días. Estes niveis superan amplamente as recomendacións da Axencia de Protección Medioambiental dos Estados Unidos, que marca o límite en 300 ng/m3, ou da Organización Mundial da Saúde, que cifra o máximo aconsellable en 1.000 ng/m3 de mercurio.
Ecoloxistas en Acción presenta estes datos logo de realizar un estudio, en colaboración co Departamento de Enxeñería Xeolóxica e Mineira da Universidade de Castela-A Mancha. Nos veráns de 2006 e 2007, mediron os niveis de mercurio no aire arredor de varias plantas de produción de cloro-sosa en España. No caso da cloreira de Lourizán, pese a que non acada os niveis de Solvay (Martorell), con 3.890 ng/m3, e Ercros (en Flix), con 4.793, si que chega a superar os valores máximos recomendados.
Leticia Balseaga, responsable de residuos da organización ecoloxista, denuncia respecto aos datos de Lourizán que "non cadran" cos informes que cada ano realizan expertos "independentes" para realizar as preceptivas inspeccións ambientais. Balseaga denuncia que os veciños da zona de Lourizán están expostos a cotío a "altísimos niveis de este metal pesado", presentes tanto no aire, como na auga da ría.
Mercurio para conseguir cloro
A planta pontevedresa de Elnosa, ubicada no complexo de Lourizán, abastece de cloro á pasteira de Ence, necesario para o procedemento de branqueo da celulosa para a súa transformación en pasta de papel. Elnosa emprega o mercurio no proceso electroquímico de separación do cloruro sódico (que extrae da auga da Ría) do que procesa o cloro que precisa.
A directiva europea do Panel Intergubernamental contra o Cambio Climático (IPCC) establece que, a partir do 30 de outubro deste ano, todas as empresas deberán empregar "as mellores técnicas dispoñibles" para obter o cloro, entre as que non se inclúe "o proceso con celdas de mercurio".
Con todo, e segundo denuncian as organizacións ecoloxistas, o acordo asinado entre o Ministerio de Medio Ambiente e a industria do cloro, autoriza o uso desta tecnoloxía ata o 2020, "o que supón un paradoxo que pode custar moi caro". Para a responsable de Ecoloxistas en Acción, esta prórroga supón que siga en funcionamento "unha tecnoloxía obsoleta, do século XIX", polo que insta á Administración a promover o emprego de novos procesos tecnolóxicos.
Conta atrás para Elnosa en Lourizán
No caso de Lourizán, o problema pode que remate antes. A planta precisa que a Consellería de Medio Ambiente lle conceda a autorización ambiental integrada, da que carece, antes do 31 de outubro. Do contrario podería enfrontarse a unha multa de ata 200.000 euros, inhabilitacións dun ano e o peche total da planta.
O concello de Pontevedra emitira un informe desfavorable sobre as instalacións de Elnosa, polo cal Medio Ambiente en ningún caso podería emitir a autorización ambiental integrada. O concello baseábase en que a fábrica de cloro non se axusta á ordenación urbanística actual e nas negativas repercusións medioambientais das instalacións.
Elnosa recurriu este documento ante os xulgados, que o pasado mes de xullo lle deron parcialmente a razón, ao anular o informe do concello e considerar a posibilidade de que parte das instalacións da cloreira poidan ser "ilegalizables". A pelota volve estar no tellado de Medio Ambiente, que ten na súa man emitir ou non a autorización ambiental.
Danos da contaminación por mercurio
As organizacións ecoloxistas levan anos criticando o emprego de mercurio en procesos químicos como os realizados por Elnosa, por ser altamente contaminante. Os verquidos das cloreiras e químicas, que na maioría dos casos rematan en ríos e mares, provocan o trasvase dos metais pesados, que non se disolven na auga, á cadea trófica.
A axencia medioambiental da ONU e a Comisión Europea, advirten de que a principal fonte de exposición non profesional ao mercurio é o consumo de peixe, xa que estes animais chegan a acumular grandes cantidades de metais pesados nos seus corpos, que pasan ao ser humano co seu consumo.
A exposición crónica ao mercurio, aínda sendo de baixa intensidade, pode producir danos no cerebro, os riles, o sistema nervioso e o circulatorio.
21/09/2007