Marcos Ferro/AGN.
A Tántalo castigárono os vellos deuses do Olimpo grego a pasar a eternidade vendo fronte a si as mellores viandas e a auga máis fresca, pero non poder probala. Á mesma fatalidade parecen enfrontarse os produtores de leite galegos.
Nun escenario favorable como poucos, con forte demanda do mercado, os seus beneficios veranse limitados por unha cota láctea que non poden sobrepasar. E de cara o futuro, os gandeiros ollan con desconfianza a reforma da PAC, que podería eliminar este mecanismo de protección, deixando á maioría dos gandeiros galegos en desvantaxe contra os grandes produtores, e posiblemente sen recibir compensacións económicas pola cota que foron pagando ó longo dos anos.
Prezos históricos
A comezos deste ano 2007 ninguén o podería ter previsto, pero o certo é que a escaseza de materia prima está a facer que os gandeiros galegos reciban a cambio do seu leite unhas cantidades que poden superar os 42 céntimos de euro por litro, e incluso se prevé que poidan chegar ós 50. Son os mellores resultados en dúas décadas.
Hai moitos factores que explican esta subida, e a maioría deles de comportamento impredecible. O aumento da demanda nalgúns países como China, ou a pouca produción de exportadores tradicionais como Australia, entre outros. Europa, en pleno proceso de reconversión, onde os programas de abandono da gandería están á orde do día, non pode asumir toda a demanda.
No vello continente só hai unhas poucas rexións onde a produción de leite se incrementou, e unha delas é Galicia. Pero o sistema de cotas imposto pola Unión Europea, que multa ós países que producen máis leite do establecido, é un impedimento para que zonas como o noso país, Polonia ou Italia dean saída ó seu potencial leiteiro.
De feito, a cota galega non pode sequera cubrir a demanda española, que ten que importar o 40% do leite que consume. Ante o temor de que a escaseza de leite leve a unha crise alimentaria, ou sexa demasiado forte para os petos dos consumidores, algunhas voces comezan a pedir que este ano se cancelen as multas polo exceso de produción.
Esta foi precisamente a petición que realizou a organización Xóvenes Agricultores, da man do seu secretario xeral, Francisco Bello.
O representante de XX.AA. denunciou o "desinterese" que percibe no departamento que dirixe Elena Espinosa, que ó seu xuízo está demostrando unha "grave" despreocupación polo sector a poucos meses de que Bruxelas tome a decisión de facer desaparecer a cota láctea, o que sucederá con bastante probabilidade en 2015.
O capitalismo entra en escena
Os ministros de agricultura dos 27 reúnense hoxe la cidade portuguesa de Porto, nunha xuntanza informal na que a reforma do sector do leite foi un dos puntos clave. Ás portas do cumio, centos de agricultores portugueses e españois pedían unha reforma da PAC que beneficie ós pequenos produtores e non ás grandes empresas.
Nun par de meses, comezará o debate acerca do futuro da industria láctea na UE. A comisaria europea de Agricultura, Mariann Fischer Boel, ten expresado a súa intención de eliminar o sistema de cotas de produción, para achegarse a unha economía de libre mercado, no que os produtores máis competitivos poidan ofrecer unha maior cantidade de leite.
A ministra española de Agricultura, Elena Espinosa, pediulle á comisaria que o cambio dun sistema taxado a un completamente libre se realice de forma gradual, para que os gandeiros teñan tempo a adaptarse.
Isto é especialmente importante no caso dos produtores galegos, que levan moitos anos invertendo na compra dunha cota láctea que perderá o seu valor antes de ser amortizada.
Ademais, a ausencia dunha regulación da cantidade de leite que poden producir os gandeiros podería levar a unha invasión de materia prima estranxeira máis barata, coa que as explotacións galegas non poderían competir.
18/09/2007