AGN.
O 'investigador axudante' é un dos 'traballos' máis desagradecidos que un pode desempeñar no seo das tres universidades galegas. Como mostra, os bolseiros do programa 'Isidro Parga Pondal' que despois de “catro anos traballando no laboratorio, cunha importante experiencia e especialización ao lombo, van á rúa”, indica Benjamín Sanjurjo, secretario xeral de Universidades do sindicato UGT.
Isidro Parga Pondal é un programa de axuda para a incorporación de doutores e tecnólogos no sistema público galego de I+D que agora mesmo conta con 173 bolseiros traballando en laboratorios nos campus de A Coruña, Vigo e Santiago. Con todo, o contrato ten data de caducidade, e ós catro anos finaliza a estadía do investigador, o que supón a perda dun gran potencial para as universidades.
A mellora da situación destes investigadores discutirase na próxima reunión da mesa sectorial da Universidade que terá lugar en outubro. Rei lamenta que "teñamos un persoal altamente cualificado tanto na docencia como na investigación coas bolsas do Estado e que non haxa oco para eles”. A solución é a de sempre, “fuxir a países como Alemaña onde estarán mellor coidados”.
Esta situación prodúcese pola precaria situación da Universidade galega, incapaz de asegurar unha continuidade. "É o mesmo que meterlle a un coche novo as mellores pezas e logo de pasar a ITV mandalo directamente ó desguace ou deixalo no garaxe".
Reunión da mesa sectorial
Durante o próximo encontro coa Consellería, reclamaranse todos aquelas "reivindicacións históricas" que afectan aos traballadores das universidades de Galicia, como retribucións, xubilacións, saúde laboral e promoción interna de todo o persoal investigador e administrativo.
Na primeira reunión da mesa, en febreiro, poucos días despois da súa constitución, fíxose "unha primeira aproximación", pero despois doutros dous encontros "non se conseguiu sacar nada en claro" manifesta Marisa Sánchez Simón representante nesta mesa de CC.OO.
Para o próximo encontro, prevese polo menos sacar tratar uns “temas mínimos”, como o incremento das retribucións e complementos do persoal, ademais da determinación de fondos para a formación dos axudantes e do Persoal Docente Investigador ante a inminente chegada do Espazo Europeo de Educación Superior.
17/09/2007