Datos de interés

  • Domingo 07.09.2008

Entrevista á conselleira de Educación

Laura Sánchez Piñón: ''Galicia ten a volta ao colexio máis barata do Estado''


Etiquetas: educación

Antonio Soto. AGN.

O novo curso escolar púxose en marcha en Galicia cunha manchea de novidades, entre elas o desenvolvemento da Lei Orgánica de Educación (LOE). Fálase este curso menos de libros ou de transporte escolar, que lle van dando o relevo a outros debates como a conciliación da vida familiar e a laboral, as actividades extraescolares, unhas maiores cotas de calidade, a redución do fracaso escolar ou os plans de convivencia..., pero a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, afirma que non todo pode quedar en mans da Administración.

PREGUNTA:
Foi especialmente complicada a posta en marcha do curso que acaba de comezar?

RESPOSTA:
Este curso, que tivo hoxe (venres 14 de setembro)a inauguración oficial, aínda que o inicio foi o día 12, a verdade é que non rexistrou ningún tipo de incidencia salientable. Temos arredor de 1.200 centros e están pendentes pequenas obras, que estarán rematadas, como moi tarde, o luns, en que pode quedar un centro sen abrir.

P: Co inicio da actividade escolar ponse en marcha tamén a aplicación da Lei Orgánica de Educación. Haberá atrancos importantes para desenvolvela, incluídos os económicos?

R: Non, non. A LOE é a primeira lei de educación que ten un acompañamento económico, con 7.000 millóns de euros, que se están repartindo xa na conferencia sectorial cos criterios que se marcan alí, cun acordo entre todas as comunidades autónomas, e Galicia está tendo unhas cantidades moi importantes, moi por enriba do seu PIB e da súa poboación. Polo tanto, a implantación da LOE en Galicia está sendo moi boa.

P: A LOE fala dunha maior esixencia aos alumnos e de atención personalizada dos profesores. Un vello debate, en todo caso...

R: Efectivamente, a normativa ten previsto todo o que se chama a mellora do éxito escolar e tamén a atención á diversidade. Niso xa vimos traballando nunha serie de programas como o Proa, o Mora e outros que estamos desenvolvendo. Preto de 600 centros da comunidade teñen xa algún, ben para a mellora do éxito escolar ou para a diversidade.

P: No informe 'Cisneros. Acoso y Violencia escolar en España' que acaba de publicarse, afírmase que cuarta parte dos escolares padece problemas de autoestima. Neste terreo tamén haberá un importante labor que facer...

R: Todos os programas que axudan a combater o fracaso escolar inciden na autoestima dos alumnos. Por exemplo, os profesores que aplicaron o Proa notan moitísimo que cando un neno mellora no seu rendemento escolar, mellora tamén a súa integración. Por iso é tan importante.

P: En que medida permitir o programa Mora o incremento dos alumnos que superan o ensino secundario obrigatorio?

R: Hai unhas boas expectativas nese sentido. Este ano comeza a aplicarse en practicamente todos os centros de ensino secundario. Iso vai permitir ter unha diversificación, é dicir, clases de apoio.

Conciliar a vida familiar

P: Fálase de menos fracaso, de Cidadanía si ou non... pero mentres, moitos pais seguen sen ter tempo para poder axudar aos seus fillos a facer os deberes...

R: É certo que a incorporación da muller ao traballo cambia a estrutura familiar e, polo tanto, nesa conciliación da vida laboral e familiar é moi importante que desde as Administracións, sexa a autonómica ou os concellos, se busquen fórmulas para unha boa atención dos nenos. Precisamente, estamos agora desenvolvendo toda unha serie de convenios cos concellos para apertura dos centros fóra do horario escolar, pero con ese tipo de actividades que teñen que ser boas e formativas.

P: E para cando os resultados?

R: É importante ter unha perspectiva de longo prazo. Agora, co comezo do curso, imos estender o comedor a nove concellos. será nas cidades máis importantes e tamén nalgunha mediana. Pero o presidente anunciou unha orde de convocatoria para os concellos que queiran participar. É dicir, que se vai traballando, con incrementos anuais, pero precisamos un tempo. Tamén é moi importante a colaboración dos concellos. Noutros países europeos funciona moitísimo este modelo, o concello está moi implicado na vida educativa.

P: As actividades complementarias serán un dos retos que, como o do transporte ou o dos libros, remate resolvendo a Administración educativa?

R: O que nós queremos desde a Administración é xerar un modelo e que se teñan que implicar axentes, as propias Anpas moitas veces, as asociacións de veciños e tamén, loxicamente, os concellos. Como dicía antes, este é un modelo que existe e que temos que estender. O colexio ten unha duración, o que é a ensinanza regrada, pero serve tamén para a formación do cidadán. Por iso, do que se fala é de poñer en práctica proxectos, pero o que non se pode é absorbelo todo.

P: E a Administración vai asumir todos estes servizos?

R: Non ocorre en ningún modelo educativo do mundo. Nos países máis avanzados, dos que falamos sempre, como os nórdicos, os concellos xogan un papel importantísimo na educación. Por exemplo, non teñen unha biblioteca no concello e outra no colexio, os servizos están entrelazados, pensados en función doutros. Entón, pensamos que ese modelo ten que ser moi importante.

P: En Galicia non se dará a materia de Educación para a Cidadanía ata o ano que ven, por entón xa terá rematado a polémica...

R: O certo é que aquí non tivemos ningún dato que nos poida dicir que a súa implantación vai ser problemática. Será o vindeiro curso, polos currículos que se aplicaron e, a verdade é que estamos tranquilos.

Oposicións
P: Cal é o balance da oferta pública de emprego que acaba de facer o seu departamento?

R: Moi positivo, porque hoxe temos a incorporación, entre primaria e secundaria, de máis de 400 novos mestres e profesores, fundamentalmente 360 novas prazas en infantil e primaria. Pero a oferta foi moito maior, polo feito de mobilizar as prazas dos interinos ou das xubilacións, con máis de 3.000 postos. Desenvolveuse con total tranquilidade en Galicia, respectando a lei.

P: Malia que houbo problemas con opositores que foron excluídos...

R: Xa se solucionaron a maioría deses problemas.

P: Achégase agora o momento de abordar cos sindicatos o tema dos interinos e substitutos.

R: Nas futuras mesas sectoriais tratarase ese tema. Non podemos adiantar nada aínda, porque na mesa que corresponde, os sindicatos teñen que comezar a falar coa Administración. Ademais, o primeiro que hai que facer é a avaliación.

O galego nas aulas

P: A asociación 'Tan gallego como el gallego' denunciaba hai uns días que moitos pais atoparon máis dun 90% dos libros de texto dos seus fillos para este curso están en galego

R: O que marca o decreto é o 50%. Pode haber algún texto que estea en galego e castelán e que sexa o propio centro o que decide. Pero iso xa pasaba. Antes, as matemáticas non eran en galego e moitísimos libros de matemáticas estaban en galego. E pasaba igual con outras materias, e ninguén dicía nada.

P: A consellería pensou en cambiar o actual modelo de gratuidade dos libros, tal e como chegou a insinuar o PP?

R: O modelo que temos é o de préstamo, que xa tiña o Partido Popular e que utilizan tamén moitas comunidades autónomas. As cantidades medias que se dan en primaria e en secundaria son as maiores do Estado. Que algún material adicional ou libro, porque os colexios fan a súa propia selección, poida supoñer que falte algunha cantidade, pode ser. Pero o importante é que se trata das maiores cantidades que se dan en calquera sistema de España. E isto está refrendado pola organización de consumidores, que di que a volta ao colexio en Galicia é a máis barata do Estado.

P: Os centros concertados piden os mesmos dereitos para os seus alumnos que para os da pública. É unha reclamación asumible?

R: O que ocorre é que os concertos asínanse cada catro anos e nós, cando chegamos, xa estaban feitos. Entón, duran ese tempo e hai que respectalo. Non pode ser doutro xeito. E está nas taxas medias do Estado, é dicir, que non hai nada diferente do que hai noutros sitios. Por tanto, tamén nisto, Galicia está nunha posición moi razoable.

15/09/2007

5'0 (3 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Sánchez Piñon
A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, asegura que o novo curso comeza con normalidade (Foto: P. Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso