Juan Castro.
"Podería ter sido peor" estarán a pensar Ron Dennis e os directivos de McLaren. Finalmente, o 'spygate' saldouse cun duro castigo ó equipo, 72 millóns de euros e a perda de todos os puntos do Mundial de Construtores, deixando a Ferrari líder. Seguramente a sanción máis forte da historia da Formula 1, pero lonxe dos rumores, que minutos antes da resolución apuntaban que McLaren e os seus pilotos quedarían sen competir na próxima tempada.
Os pilotos saen do caso sen sanción, polo que tanto Alonso como Hamilton continúan coas súas opcións intactas para loitar polo Mundial, onde ocupan as dúas primeiras plazas con só 3 puntos de diferencia.
Cronoloxía do 'McLarengate'
O 21 de xuño do 2007, a primeira pedra do escándalo saltaba cando a prensa italiana publicaba o intento de sabotaxe dos Ferrari durante o Gran Premio de Mónaco. Os mecánicos de Ferrari terían atopado un misterioso poíño branco -máis tarde saberíase que se trataba de talco- no depósito dos F2007. Nigel Stepney, xefe dos mecánicos de Ferrari, pasa a ser o sospeitoso número 1. Stepney era un dos máximos candidatos a relevar a Ross Brawn como enxeñeiro xefe, pero o elixido foi finalmente Luca Baldasieri.
O 26 de xullo, a bola de neve comeza a medrar despois de que Ferrari bote a Stepney da escudería, e McLaren entra no circo. A escudería de Ron Dennis é agora sospeitosa de ter entre as mans un dossier de 780 folios con información do “Cavallino rampante” e de terse aproveitado dela. No segundo plano de todo isto, a enorme mellora de McLaren respecto ó ano pasado e a rápida adaptacións durante a transición de neumáticos Michelin a Bridgestone, unha peaxe que outros equipos como Renault ou Honda pagaron con dureza . O documento tería chegado ás mans do deseñador xefe de McLaren, Mike Coughlan a través de Stepney.
O esperpento chega ó saber que foi o empregado dunha fotocopiadora -siareiro de Ferrari- quen deu o chivatazo, despois de que a muller de Coughlan acudira alí para copiar o documento.
Ante as acusacións, a FIA abre unha primeira vista trala que queda claro que McLaren-Mercedes posuía información confidencial de Ferrari, pero ante a imposibilidade de demostrar que se fixera uso dela, non sanciona á escudería inglesa. A decisión provoca un enfado considerable en Ferrari e na federación italiana, que forzan a Max Mosley, presidente da FIA, a reabrir o caso.
Os corredores, punto clave
A investigación da un xiro ó salpicar ós pilotos, que ata o momento se mantiveran á marxe. Concretamente Fernando Alonso e Pedro De La Rosa terían remitido correos electrónicos que confirman o uso do dossier de Ferrari, ante a ameaza de que se lles retirase a superlicencia.
Todo isto chega nunha das tempadas máis vibrantes da historia, con dous equipos loitando de igual a igual en practicamente todos os circuítos, o que conduce a un dos finais máis abertos, con catro pilotos con opcións de coroarse campión a falta de outras tantas carreiras.
Pero a isto hai que engadirlle o primeiro asalto dunha rivalidade que promete ser mítica, a dun Fernando Alonso bicampión do mundo cunha escudería 'modesta' como Renault, fronte a Lewis Hamilton, o neno mimado de McLaren, que ten moitas papeletas para converterse no primeiro novato campión do Mundo.
13/09/2007