Besbe.
Hoxe comezaron a escola os nenos e notouse na cidade cunha densidade de tráfico espectacular e cun suspiro hipersonoro por parte de moitos dos pais que vían como, en certo sentido, comezaban as vacacións para eles. Dei en pensar na satisfacción e na grande alegría que eses mesmos pais tiveron que ter o día en que decidiron ter un neno, o día que o embarazo foi unha realidade e o día no que a muller dou a luz.
Quedei matinando nese intre, no momento do parto. Máis ca nada porque un dos momentos máis felices dunha nai vese enturbiado, polo xeral, con malos recordos do momento. Teño escoitado testimonios nos que relataban como nunha sala se amontonaban camillas con mulleres dilatando milímetros, agardando a que o equipo médico decidise se lle era hora de entrar ao paritorio ou quedaba nas mans do seguinte turno.
Imaxino a impotencia e a sensación de inutilidade dunha muller, tumbada de costas e coas pernas escarranchadas, sen outra opción que forzar o seu corpo contra natura e botar fora, sexa como sexa, o neno que debía traer ao mundo doutro xeito menos brutal. Moitas, despois, tamén falan dese corte infame, polo xeral esquerdo e na metade das veces innecesario, chamado episiotomía, que gaña por goleada en canto a humillante a esa outra cicatriz causada pola cesárea e que acostuma acarrear unha silenciada problemática sexual.
O Sergas ven de anunciar que este ano poderán levarse a cabo partos na auga, ante o cal, non sen felicitar a iniciativa, cabe preguntarse se non rematará acontecendo o mesmo que coa anestesia epidural: que non hai persoal adecuado cando se precisa. Agardemos que non.
De momento eu sigo pensando neses nenos sentados no seu primeiro día de aulas e creo que esa sería unha boa postura para parir.
13/09/2007